A Secretaría Xeral da Igualdade desenvolve este programa denominado 'Abramos o círculo' en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia.
No periodo 2009-2010 un total de 112 homes residentes en Galicia asistiron ás sesións.
Santiago, 30 de xullo de 2011.- Un total de 54 homes con posibles problemas de control de violencia no ámbito da parella e familiar e vontade de superalos participaron no primeiro semestre de 2011 no programa Abramos o círculo, da Secretaría Xeral da Igualdade. Resultado dun convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o programa pon a disposición dos homes participantes un equipo de profesionais da psicoloxía que, a través de sesións celebradas nas catro provincias, ofrecen estratexias e ferramentas para o control das emocións e, especialmente, o control dos rasgos de conducta tendentes á violencia.
Por provincias, a de Pontevedra encabeza a participación nos primeiros seis meses deste ano con 29 asistentes, seguida de A Coruña, con 23, e as de Lugo e Ourense que rexistraron un único usuario en cada caso. Nos dous anos anteriores, no periodo 2009-2010 o programa ofreceu atención psicolóxica a un total de 112 homes residentes en Galicia. Deles, 50 da provincia de Pontevedra, 46 da Coruña, 10 homes da provincia de Ourense e 6 da de Lugo.
Abramos o círculo é unha liña de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade de atención psicolóxica a homes que queren correxir os seus problemas de control da violencia no ámbito familiar, poñendo ao seu dispor recursos terapéuticos que abran vías de recuperación e reorientación da súa conducta, unha vez que recoñecen ter problemas desta natureza.
O programa conta este ano cun equipo de 38 especialistas encargados de levar a cabo a intervención profesional en toda a Comunidade Autónoma de Galicia e está dotado cun presuposto de 34.600 euros, que inclúe a celebración dunha xornada formativa cunha programación elaborada conxuntamente por Igualdade e o Colexio de Psicoloxía de Galicia, dirixida ás psicólogas e psicólogos que imparten as sesións do programa.