A Secretaría Xeral da Igualdade mantén a súa aposta por destacar o papel das mulleres na ciencia
A Secretaría Xeral da Igualdade reforza a súa aposta no recoñecemento do papel das mulleres na ciencia, e lanza un novo número da revista Xenia que está dedicado ás ciencias sociais e do humano como alternativa empresarial de futuro para as mulleres. Este cuarto número da revista, editada pola Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, distribuirase exclusivamente en formato dixital. O obxectivo desta publicación é achegar de forma "amable" a igualdade de xénero na ciencia e no ámbito educativo, así como fomentar a orientación académica e profesional libre de estereotipos, ofrecendo referentes femininos no eido da investigación e da ciencia.
A revista está dirixida ao público preuniversitario, co obxectivo de que sexa utilizada como material de orientación de cara á elección de estudos por parte de rapazas e rapaces dos últimos anos de ensino secundario.
Na cuarta entrega de Xenia, reflexiónase sobre o futuro das ciencias sociais humanas como alternativa de emprego para as mulleres; na sección Inxenia, tentase romper cos estereotipos sobre ciencias brandas e ciencias duras, e sobre a división dos coñecementos científicos en clases, que é produto do establecemento de categorías que non sempre se basean en criterios obxectivos.
Na sección Xenialidades: os saberes das mulleres, preséntanse exemplos de mulleres que están a liderar unha industria cultural, xa que o patrimonio documental, histórico e artístico deixou de ser unha temática reservada á investigación e comeza a ser a base para desenvolver unha economía do coñecemento, transformando o saber herdado en desenvolvemento económico e social.
O apartado Conxenia: carreiras máis aló do xénero, mostra como o coñecemento, xunto coas novas tecnoloxías, están a cambiar a sociedade e tamén o tecido produtivo, con novas iniciativas empresariais que aproveitan as metodoloxías e técnicas das ciencias sociais para xerar valor e favorecer o desenvolvemento socieconómico. Preséntanse diversas experiencias dun grupo de mulleres neste campo empresarial.
Noutra das seccións da revista, Telexenia: investigadoras no extranxeiro, coñeceremos a tres mulleres que comparten o mesmo obxectivo no seu traballo: entender e mellorar a nosa sociedade a través das súas investigacións na áreas das ciencias sociais e do humano, facendo unha valiosa contribución á sociedade do coñecemento na que vivimos e cun impacto directo en termos de como se percibe o mundo e como se actúa sobre el.
A última das seccións, Filoxenia: descubrindo as túas orixes, é a máis amable, divertida e práctica. Nesta ocasión abórdase a xenealoxía, e a súa aplicación prática sobre a historia da propia familia de alumnas e alumnos, dándose pautas para que de forma sinxela e entretida se investigue a historia da súa familia.