Estás en: Inicio / Emprende / Emprendemento

A situación laboral das mulleres

Se botamos unha ollada á evolución histórica das mulleres no seu proceso de incorporación ao mercado de traballo, o primeiro atranco que atopamos, ata que remata a Idade Media, é a ausencia de fontes escritas, polo que non e doado rastrexar as súas actividades cotiás nin tampouco os seus pensamentos e posicións persoais na toma de decisións. O pouco que sabemos é a través dos escritos masculinos,  por iso debemos coidarnos de dar por válida a imaxe que os clérigos, e posteriormente os funcionarios públicos, dan sobre as mulleres.

A situación de segregación e discriminación da muller no mercado laboral, que xa tivo carta de natureza nas ordenanzas gremiais medievais, aínda persiste na actualidade pese aos importantes logros acadados - de forma dosificada - pero grazas ás constantes reivindicacións que as mulleres, de xeito individual ou organizado, foron manifestando, tratouse de derribar un a un os obstáculos que lles impedían acadar os seus obxectivos baixo a crenza de que outra forma de organización social e laboral era factible.

O século XX, grazas aos cambios sociais acontecidos e ás constantes reivindicacións, fundamentalmente a través de novas formas de asociacionismo rural e urbano, supuxo para as mulleres en xeral, e para as galegas en particular, a oportunidade de crecemento persoal en todos os ámbitos nos que, tradicionalmente, estaban excluídas ou ben subrepresentadas ou invisibilizadas; entre eles, o ámbito laboral, e máis concretamente os sectores laborais entendidos como tradicionalmente masculinos.