Igualdade concede máis de 299.000 en axudas a 90 concellos para políticas de igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero

Cincuenta e seis concellos reciben axudas para promover as políticas de igualdade e trinta e catro para tratar e previr a violencia de xénero. O obxectivo da Secretaría Xeral da Igualdade con estas subvencións e apoiar e consolidar as actuacións dos concellos en materia de igualdade e de violencia de xénero.

A Secretaria Xeral da Igualdade concedeu 299.216 euros en axudas a 90 concellos galegos para favorecer e dinamizar as políticas de igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as subvencións concedidas en virtude da resolución da convocatoria de axudas destinadas a entidades locais de Galicia dirixidas a favorecer e dinamizar o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e coa prevención e o tratamento integral da violencia de xénero durante o ano 2010, e que contan cun orzamento de 299.216 euros.

Con esta resolución, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade e de prevención e eliminación da violencia de xénero, actuacións que pola proximidade á cidadanía e o coñecemento da situación específica de mulleres e homes, poden resultar particularmente axeitadas para a consecución dos devanditos obxectivos.

Esta convocatoria ten dúas liñas de actuación: unha en materia de promoción da igualdade, para a que hai un orzamento de 149.608 euros, e na que se concederon axudas a 56 concellos, e unha segunda liña destinada a actuacións no eido da prevención e tratamento integral de violencia de xénero, que está dotada coa mesma cantidade, e pola que se concederon axudas a 34 concellos da nosa comunidade autónoma. As axudas non exceden os 6.000 euros por cada entidade beneficiaria, no caso das actuacións na primeira área, e os 10.000 euros na segunda.

Estas subvencións teñen por finalidade mellorar a percepción social sobre a igualdade entre mulleres e homes e  as condicións sociais e culturais de partida para as mulleres e fomentar a súa participación;  promover o desenvolvemento de medidas de prevención e tratamento integral contra a violencia exercida sobre as mulleres, incentivar a formación en igualdade e na corresponsabilidade da poboación infantil e xuvenil e impulsar a transversalidade de xénero no ámbito municipal.

Estas subvencións foron solicitadas tanto por concellos como por agrupacións de concellos e mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas, que cumpriron os requisitos que nelas se establecen, así como por aqueles concellos que pertencen a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acordaron desenvolver programas conxuntos de actuación.

Actuacións subvencionables

Na área de igualdade foron subvencionadas actuacións como a elaboración do plan municipal para a igualdade entre mulleres e homes, accións de formación do persoal político e técnico respecto das políticas locais de igualdade; ou actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto no ámbito educativo como no ámbito da familia ou na sociedade.

No eido da prevención e tratamento integral da violencia de xénero foron obxecto de subvención actuacións como a consolidación e establecemento de mesas ou estruturas de coordinación e cooperación entre os distintos ámbitos políticos e profesionais de cara á eficaz prevención, detección e intervención na loita contra a violencia de xénero e protección das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes; a prevención, sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade; intervencións de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes, procurando a recuperación da súa autonomía e a súa reinserción social e laboral; e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular.

Colectivo: