Galicia e Portugal crean unha Rede de Centros Transfronteirizos de Dinamización Integral para as Mulleres

Suporá a creación de catro centros de uso compartido, tres en Galicia e un en Portugal, nas localidades de Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde, para unha poboación feminina que supera as 430.800 mulleres.

A iniciativa, enmarcada no proxecto CEDIM, foi presentada esta mañá en Santiago nun acto ao que asistiron responsables de ambas as dúas administracións.

Desde a Secretaría Xeral de Modernización priorizarase á formación en novas tecnoloxías nas aula da Rede CeMIT das mulleres que acudan aos Centros de Dinamización.

  • Galicia e Portugal crean unha Rede de Centros Transfronteirizos de Dinamización Integral para as Mulleres
  • Galicia e Portugal crean unha Rede de Centros Transfronteirizos de Dinamización Integral para as Mulleres
  • Galicia e Portugal crean unha Rede de Centros Transfronteirizos de Dinamización Integral para as Mulleres

Santiago, 26 de outubro de 2011.- As máis de 430.800 mulleres que residen nas comarcas do Baixo Miño e Paradanta (Pontevedra), na comarca de Verín (Ourense) e nas subrexións portuguesas de Minho-Lima e Cávado van beneficiarse dos servizos de catro centros de dinamización integral, situados en Tui, A Cañiza, Monterrei e Vilaverde, que entrarán en funcionamento este mesmo ano. Esta rede de centros vai por a disposición das usuarias estruturas compartidas para optimizar os recursos e as políticas de igualdade de oportunidades  e  de prevención da violencia de xénero a ambos lados da raia. Esta iniciativa, baseada no criterio colaborativo de compartir equipamentos e recursos, é resultado do compromiso das administracións de Galicia e Portugal a través do proxecto CEDIM, dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP, 2007-2013.

O proxecto, que conta cun presuposto de 712.225 euros  financiado no 75% por fondos FEDER, foi presentado esta mañá en Santiago, nunha xornada á que asistiron en representación da Administración galega as titulares dos tres departamentos implicados na iniciativa, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Covadonga Toca. En representación da Administración portuguesa asistíu Teresa Carvahlo, da Comissão para a Cidadanía e Igualdade de Xénero.

O espazo territorial transfronteirizo no que se desenvolve este proxecto é un área de ampla tradición colaborativa e estreitos vínculos sociais, económicos e culturais que, por primeira vez a través do proxecto CEDIM, van facerse extensivos ás políticas de igualdade de oportunidades para a poboación feminina.

O perfil sociolaboral das mulleres que residen nesta zona xeográfica participa dos roles tradicionais de xénero. As mulleres son as que maioritariamente se ocupan do labor doméstico, especialmente nas zonas onde predomina a poboación máis envellecida e son tamén elas as que atopan maiores dificultades de empregabilidade nun territorio que demanda perfís con baixa ou pouca cualificación.

Para mellorar a cualificación, as condicións de empregabilidade, o emprendemento e as oportunidades das mulleres cun criterio de eficacia, estes centros transfronteirizos adecuarán as actividades dinamizadoras ao perfil das demandantes, en eidos como a formación ou a orientación laboral.

Apoio da Rede CeMIT

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica contribuirá a “Rede Transfronteiriza de Centros Dinamizadores para Mulleres” a través da infraestrutura da Rede de Centros para a Modernización e a Innovación Tecnolóxica (CeMIT), priorizando a participación nos cursos de formación en novas tecnoloxías daquelas mulleres que acudan aos centros transfronteirizos. O obxectivo é capacitalas nun ámbito, o tecnolóxico, ao que polo seu perfil, no teñen fácil acceso. Esta liña de colaboración permitirá mellorar a eficiencia dos recursos existentes a ambos os dous lados da fronteira e a situación das mulleres, especialmente no que se refire á formación e ao emprego.

A Rede CeMIT, formada na actualidade por 98 aulas públicas distribuídas por máis de 50 comarcas e 92 concellos, está a contribuír á vertebración territorial e social do país, mediante a promoción do uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial entre os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC, como é o caso das mulleres especialmente ás que viven en zonas rurais.

Ademais, tamén dende hoxe está en funcionamento a nova web da “Rede Transfronteiriza de Centros Dinamizadores para Mulleres” no enderezo www.redecedim.eu,  que se converterá na ferramenta de comunicación e difusión do proxecto na rede. No vindeiro mes de decembro porase en marcha un boletín electrónico, ao que poderán subscribirse as persoas interesadas e que lles permitirá recibir regularmente no seu correo as últimas novas e actividades da Rede CEDIM.