Igualdade abre o prazo para a solicitude das axudas para a mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres

As solicitudes deberán enviarse vía electrónica ata o 10 de agosto

Poderán optar a estas axudas as entidades locais de Galicia titulares de centros de información á muller (CIM)

Santiago, 11 de xullo de 2015.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a mellora do equipamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM, que se poderán solicitar dende hoxe ata o vindeiro 10 de agosto.

Con esta achega de 247.000 euros a Xunta pretende consolidar e reforzar o labor dos CIM, para contribuír a que oferten servizos de calidade nun contorno adecuado e incidindo nunha mellora do equipamento informático, de oficina e mobiliario, que permita, ademais do traballo cotiá, o traballo en rede e a utilización de ferramentas TIC.

Cabe lembrar que os Centros de Atención ás Mulleres (CIM), configúranse como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico e de orientación laboral e profesional, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

As axudas están dirixidas a aquelas entidades locais de Galicia titulares de centros de información á muller que cumpran os seguintes requisitos; que xa remitiran as súas contas xerais do exercicio 2013 ao Consello de Contas de Galicia e presentaran a memoria de funcionamento anual do CIM do ano 2014 ante a Secretaría Xeral da Igualdade. Están enmarcadas dentro do programa operativo Feder 2007-2013 e cofinanciadas nun 80 por cento con fondos Feder e nun 20 por cento con cargo aos fondos Fondos de Compensación Interterritorial (FCI).

A contía máxima da subvención por entidade beneficiaria será de 9.000 euros, cando se trate dun CIM con xestión individualizada e de 18.000 euros no caso de que o CIM teña xestión compartida para a prestación do servizo en varios concellos.

A presentación de solicitudes realizarase unicamente vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, antes do 10 de agosto deste ano.