Igualdade destaca o traballo de Cáritas Ourense en prol das mulleres en situacións de especial vulnerabilidade e exclusión

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a sede de Cáritas en Ourense

Multimedia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a sede de Cáritas en Ourense

Santiago, 14 de abril de 2014. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a sede de Cáritas en Ourense onde destacou o traballo que levan a cabo a través do Programa Alumar, dirixido ao colectivo de mulleres que viven en contextos de especial vulnerabilidade e exclusión.

López Abella mantivo hoxe unha reunión co director de Cáritas en Ourense, José Ángel Feijoo, e coa coordinadora do Programa e do Centro de acollida Alumar, Mª del Carmen Alonso González, que lle explicaron que o programa atende concretamente a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual.

Ao longo de 2013 acolleron a un total de 72 mulleres, de 17 nacionalidades, maioritariamente de Brasil e da República Dominicana. Do total de mulleres acollidas, 57 teñen cargas familiares tanto en orixe como no noso país e no 92 por cento dos casos con fillos/as menores ou maiores de idade dependentes das súas nais.

O obxectivo xeral do programa é acoller á muller e a súa familia facilitando un espazo de seguridade e confidencialidade que lle permita iniciar un proceso de cambio e mellora integral. A través do Programa Alumar deséñase coa muller acollida o Plan Personalizado de Inserción Social, co obxectivo especifico de acoller a toda muller que vivindo unha situación de vulnerabilidade acode ó centro de día solicitando apoio.

Dentro deste programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual, dende Cáritas Ourense desenvolveuse un importante traballo na área de mediación social, achegándose aos espazos onde as persoas se atopan exercendo a prostitución para facilitar información e material socio-sanitario, así como informar dos dereitos e deberes que teñen como persoas e atender as súas demandas.

Ao longo do ano pasado visitáronse 14 clubs en Ourense e Verín e 15 pisos, e atenderon a 130 mulleres de oito nacionalidades distintas: España (37), República Dominicana (34), Brasil (19), Nixeria (12), Romanía (10), Venezuela (3), Arxentina (3) e Portugal (2).