Igualdade e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia afondan na colaboración a prol deste colectivo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse co presidente da FAXPG, Iker Sertucha

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro con responsables da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), encabezada polo seu presidente, Iker Sertucha Lista
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro con responsables da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), encabezada polo seu presidente, Iker Sertucha Lista

Santiago, 10 de febreiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro con responsables da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), encabezada polo seu presidente, Iker Sertucha Lista, para afondar na colaboración conxunta a prol deste colectivo, é especialmente das mulleres que o integran.

Cómpre salientar que Igualdade subvencionou o ano pasado á FAXPG con 29.000 € a través da orde de entidades de iniciativa social un Programa de recursos de apoio dirixidos a mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas. O obxectivo do programa foi favorecer a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas de Galicia, eliminando todos os obstáculos e impedimentos que provocan a súa marxinalidade e exclusión familiar, social e laboral.

Para o desenvolvemento do presente programa, a FAXPG centrouse na situación na que se atopan inmersas as mulleres xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, cuxa dobre marxinación á que ven sometidas é facilmente detectable. Por unha banda, a súa condición intrínseca de muller que segue constituíndo unha traba para o seu recoñecemento familiar, social e laboral e, por outra banda, a súa condición de persoa xorda ou xordocega que a limita no seu acceso aos servizos e recursos que ofrece a sociedade no seu conxunto debido fundamentalmente ás barreiras de comunicación coas que se atopa e ás características específicas que presenta por engadir á súa condición de muller unha discapacidade, neste caso auditiva ou de xordocegueira.

A FAXPG, coa colaboración con Igualdade, a través dos Recursos de apoio a mulleres Xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, contou cun total de preto de 100 usuarias.

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) ten como misión xerar as condicións que, tomando como base a identidade xorda e a súa diversidade, aseguren o desenvolvemento global das persoas xordas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades. Actualmente a FAXPG está composta por sete asociacións locais repartidas por todo o territorio autonómico: Asociación de persoas xordas de A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol e Pontevedra.