Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reúnense no CRI para coordinar a atención ás vítimas de violencia de xénero

Susana López Abella mantivo unha reunión de traballo coa decana e os coordinadores de varios programas cos que colabora economicamente a Xunta

O ano pasado atendéronse a 448 persoas, entre mulleres, menores e dependentes vítimas de malos tratos e homes con problemas de control da violencia na parella

A Xunta colabora anualmente con máis de 150.000 euros para atender tanto a vítimas como a agresores que queren abandonar o círculo da violencia

A reunión desta mañá segue a estela doutros encontros de coordinación que se teñen celebrado no CRI nos últimos meses

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xornada de traballo con representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para abordar a súa colaboración na atención psicolóxica a mulleres vítimas de violencia de xénero.

Santiago, 4 de xaneiro de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xornada de traballo con representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para abordar a súa colaboración na atención psicolóxica a mulleres vítimas de violencia de xénero, así como aos menores e persoas dependentes ao seu cargo.

O encontro tamén serviu para presentarlles o Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero de Santiago, un centro pioneiro cuxa finalidade é desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas desta lacra, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de tipo social, laboral e económico.

Por parte do Colexio, estiveron presentes a súa decana, Mª Rosa Álvarez Prada, e os coordinadores do Programa de atención psicolóxica e do Programa ‘Abramos o Círculo’, cos que colabora a Xunta anualmente con máis de 150.000 euros para atender tanto a vítimas como a agresores que queren abandonar o círculo da violencia.

Pola banda de Igualdade, ademais de Susana López Abella tamén participaron a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste, e a directora do Centro de Recuperación Integral, Begoña Riveira Barros.

O ano pasado, a través dun convenio de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, atendéronse a 448 persoas. 252 mulleres, 93 menores e 10 persoas dependentes participaron no programa de atención psicolóxica ás vítimas; mentres que 93 homes fixérono no programa ‘Abramos o Círculo’, de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella.

A xuntanza do hoxe segue a estela doutros encontros de coordinación que se teñen celebrado no CRI nos últimos meses como, por exemplo, o que houbo cos representantes de todos os centros que conforman a Rede Galega de Acollemento ou co persoal dos máis de 80 Centros de Información á Muller de Galicia.