Igualdade incide que a posta en marcha do Plan integral de apoio á muller embarazada asegura proteccion ás mulleres xestantes de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella visitou hoxe a asociación AYUVI (Asociación de Ayuda a la Vida), na cidade olívica

Vigo, 9 de outubro de 2015.- A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella visitou hoxe a asociación AYUVI (Asociación de Ayuda a la Vida), onde destacou que o Plan integral de apoio á muller embarazada aprobado polo Consello da Xunta de Galicia no ano 2012 foi posto en marcha co obxectivo de artellar un abano de recursos, medidas e axudas públicas que aseguren protección ás mulleres xestantes en Galicia.

Susana López Abella que estivo acompañada pola presidenta de AYUVI, Adoración Palacián Urdillo, relatou que a Secretaría Xeral da Igualdade colabora con AYUVI, subvencionando o Programa “TÚ PUEDES”, a través da orde de axudas para entidades de iniciativa social, e dende o ano 2009 esta subvención ascendeu a preto de 44.000 euros.

A Asociación, a través do Proxecto “TÚ PUEDES”, brindou apoio, atención continuada e formación a mulleres e familias que se atopaban en situación de exclusión social. Así mesmo, cubriu as necesidades en materia de alimentación infantil. Paralelamente, entregáronse os enseles e utensilios de bebé ás familias que o solicitaron. Todas as nais e familias foron derivadas a AYUVI polos Servizos Sociais de Base, e outras entidades públicas e privadas. O Programa “TÚ PUEDES” levouse a cabo na cidade de Vigo e tamén en Baiona, Redondela, Tui, Porriño, Nigrán e Cangas.

Plan Integral de apoio á muller embarazada
A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a Igualdade de mulleres e homes, establece no seu artigo 3 o dereito á maternidade, que considera como un ben insubstituíble e precisa que todas as cargas e coidados que supón o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos e fillas deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de que non constitúa unha situación gravosa para as mulleres.

Para a elaboración do Plan integral de apoio á muller embarazada tivéronse en conta as seguintes premisas básicas: prioridade das mulleres embarazadas en todas as axudas de carácter social, esforzo na información sobre os programas recursos existentes e atención específica aos colectivos máis desfavorecidos ou con máis dificultades-mulleres inmigrantes, e mulleres con discapacidade, entre outros.

O Plan conta con 49 medidas específicas agrupándose en 8 áreas de actuación: información; prioridade para acceder ás prestacións, axudas ou programas de actuación; asistencia específica para mulleres xestantes menores de idade; asistencia específica para mulleres xestantes que se atopen cursando estudos; asistencia específica para mulleres xestantes con discapacidade ou con incapacidade xudicial; asistencia específica para mulleres xestantes inmigrantes; integración familiar e a rede de apoio á muller embarazada.


Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade
Ademais, no ano 2013 a Secretaria Xeral de Igualdade editou a Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade contén información básica sobre recursos, programas e axudas aos que poden acceder ás mulleres desde a acreditación do seu embarazo, e que ademais veñen a complementar as medidas que o Plan Integral de apoio á muller embarazada 2012/14 contempla nas súas diferentes áreas de actuación.

A Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade é unha ferramenta útil e de fácil manexo na que atopar información sobre os recursos de apoio existentes tanto a nivel estatal, autonómico e tamén local que poden ser de interese para as mulleres embarazadas. A información recollida comprende varias categorías, coma son os permisos de maternidade, paternidade, reducións da xornada laboral; as excedencias por coidado de fillos/as en acollemento ou por coidado de familiares; as prestacións, axudas e beneficios fiscais; e os recursos sanitarios, sobre os servizos de infancia e outros específicos.

Esta guía está dispoñible en formato on line na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, e así mesmo co obxecto da súa máxima difusión foron distribuídos 15.000 folletos que se repartiron por todos os centros asistenciais e sanitarios da comunidade autónoma, así como naqueles centros dependentes da Xunta de Galicia que presten labores de información.

Tema: