Marta González avoga pola educación para acabar cos estereotipos de xénero

As asociacións de mulleres da comarca do Sar homenaxearon á empresa de transportes Bustelo pola súa contribución á igualdade, coa incorporación de mulleres a postos de traballo considerados tradicionalmente masculinos. 

  • Marta González avoga pola educación para acabar cos estereotipos de xénero
  • Marta González avoga pola educación para acabar cos estereotipos de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares, visitaron hoxe as mulleres das asociacións da comarca do Sar que están pasando uns días de lecer e convivencia na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán), dentro do programa de dinamización das asociacións da Secretaría Xeral da Igualdade.

A secretaria xeral da Igualdade destacou o "importante esforzo" que está a facer o seu departamento, a pesar dos difíciles momentos económicos que estamos a vivir, para conseguir manter o nivel de apoio económico e de actividades ás asociacións de mulleres, como as desenvolvidas dentro do programa Adiante, o programa Coñéceas, para achegar ás mulleres as figuras de Rosalía e de Emilia Pardo Bazán; o programa Peregrina, para incorporar hábitos de vida saudables e participar no Xacobeo 2010 facendo o último tramo do camiño de Santiago andando; ou as de formación en consumo e igualdade.

Na xornada, organizada polo Centro de Información as Mulleres (CIM) de Padrón,  as asociacións de mulleres da comarca do Sar renderon homenaxe a empresa de autobuses Bustelo, pola súa contribución á igualdade, coa incorporación de mulleres a postos de traballo tradicionalmente considerados masculinos, "un paso moi importante para romper os modelos sociais tradicionais e os roles asignados ás persoas en función do seu sexo, e lograr así a igualdade real entre homes e mulleres", indicou Marta González.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucia Molares, avogou por "aprender a convivir en igualdade" e considerou que a homenaxe á empresa de transportes Bustelo por contratar a unha muller condutora amosa "o que estamos avanzando nas profesións tradicionalmente masculinizadas" e, neste senso, sinalou que debemos seguir traballando por potenciar a consecución desa "igualdade real".

A responsable de Igualdade da Xunta de Galicia lembrou que para lograr romper os roles sexistas que existen na nosa sociedade é fundamental a educación, e aí, o papel das familias "é moi importante"."Debemos reflexionar sobre que ensinamos, como o ensinamos, a onde nos diriximos en cada paso que damos. Na escola e na casa é posible contribuír a favorecer a igualdade das futuras xeracións, e previr a violencia contra as mulleres que continúa sendo a máis grave manifestación desa desigualdade existente tanto entre as xeracións máis novas como entre as dunha maior idade".

Marta González sinalou que "o deporte e o xogo poden ser, e son, vehículos de aprendizaxe fundamentais, a través dos cales se pode facer un bo traballo no eido da igualdade, permitindo unha elección deportiva non vinculada a ideas preconcibidas e fomentando a práctica do deporte por igual, tanto entre as nenas como entre os nenos".

A secretaria xeral subliñou que a actual desigualdade no emprego entre homes e mulleres "é consecuencia dunha educación que non favorece suficientemente o cambio de modelos, roles e estereotipos e non axuda decididamente a que se produza un cambio que permita que máis mulleres realicen estudos que lles abran as portas a profesións masculinizadas e viceversa", xa que iso suporía "un bo impulso para a nivelación salarial".

Un dos paradoxos da sociedade actual, lembrou Marta González, "é que o alto nivel de educación das mulleres, que teñen presenza maioritaria nas universidades, non se reflicte directamente nos postos que conseguen no mercado laboral, xa que as mulleres seguen traballando sobre todo en sectores e profesións tradicionalmente consideradas 'femininos' e permanecen en categorías laborais máis baixas e con menos acceso aos mellores postos" por iso, "un mellor equilibrio entre mulleres e homes na educación e no mundo do traballo podería contribuír a cubrir futuras cualificación e necesidades laborais", concluíu.