Marta González destaca o labor da Universidade de Santiago a prol da igualdade

A secretaria xeral destacou o esforzo da USC na tarefa de sacar da escuridade as achegas femininas ao pensamento, á historia ou á cultura galegas. De feito, foi na universidade compostelá onde se desenvolveu o proxecto da primeira Historia das Mulleres en Galicia. A traxectoria do CIFEX é unha mostra da madurez do traballo de investigación xenerado dende a universidade en torno ás mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, participou hoxe no actos conmemorativos do Día Internacional da Muller que organizou a Universidade de Santiago de Compostela (USC), e no que se rendiu homenaxe ao primeiro Centro Interdisciplinar de Estudos Feministas e de Xénero (CIFEX) polo seu traballo de investigación xerado entorno ás mulleres.

No acto, a secretaria xeral estivo acompañada polo Reitor da USC, Juan Casares Long, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, Mar Martín, e a directora do CIFEX, Rita Radl.

Marta González lembrou o "arduo esforzo de séculos" que realizaron as mulleres para "acabar co silencio que envolveu durante tanto tempo ás achegas femininas ao pensamento, á historia e á cultura", e sinalou que nesa tarefa común de traballar cara a unha sociedade máis igualitaria "está moi presente a Universidade de Santiago".

A secretaria xeral da Igualdade destacou as aportacións da USC á igualdade e recoñeceu o labor interdisciplina que realiza o CIFEX, dirixido pola profesora Rita Radl, que agrupa a unha serie de investigadoras que traballan en disciplinas diferentes. A súa traxectoria, dixo, "serve como exemplo da madurez do traballo de investigación xenerado nas nosas universidades en torno ás mulleres".

De feito, a responsable de igualdade da Xunta de Galicia lembrou que só fai uns trinta anos que se recoñece "o inmenso valor da aportación das mulleres á configuración da nosa sociedade" xa que antes "nunca tiña sido nin suxeito nin obxecto prioritario da actividade desenvolvida dende a investigación".

Nese sentido, na Universidade compostelá "as mulleres teñen xa un papel protagonista, clave para a transformación deste presente que queremos, igualitario e cheo de oportunidades de futuro", indicou Marta González, que lembrou que unha proba diso é o feito de que foi na a USC onde se desenvolveu, ao longo dos últimos meses, o proxecto de elaboración da primeira Historia das Mulleres en Galicia, que financia a Secretaría Xeral da Igualdade e cuios tres primeiros volúmes foron presentados o pasado luns.

Feitos vitais: