Nos últimos seis anos a Xunta destinou máis de 160.000 euros ao funcionamento do Centro de Información á Muller de Cangas

Alfonso Rueda manifestou o apoio da Xunta a estes centros, que cada ano reciben unha parte importante da orde de axudas de Igualdade a entidades locais

En 2014 o CIM de Cangas recibiu máis de 1.400 consultas e atendeu a 360 persoas

O vicepresidente tamén visitou a Unidade Asistencia de Drogodependencias, coa que anualmente colabora a Xunta cunha achega que supera os 200.000 euros

A UAD atende unhas 400 persoas ao ano, tanto do propio concello de Cangas como dos concellos limítrofes de Bueu e Moaña

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Cangas
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Cangas
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Cangas

Cangas (Pontevedra), 18 de marzo de 2015.O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller de Cangas, ao que a Xunta destinou nos últimos seis anos máis de 160.000 euros para contribuír ao seu funcionamento. Na visita tamén participou a secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde da localidade, José Enrique Sotelo.

Segundo destacou o vicepresidente para a Xunta é prioritario acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e erradicar a lacra da violencia de xénero. Por iso, este compromiso queda refrendado un ano máis con liñas de axuda específicas tanto para os CIM coma para os concellos co fin de que desenvolvan programas de prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade.

As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O goberno galego apoia ano tras ano estes centros que reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade. En 2014 as axudas achegaron 3,4 millóns de euros a programas de promoción da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero e apoio aos CIMs, dos que se beneficiaron máis de 200 concellos galegos.

Un destes concellos é Cangas, que os últimos seis anos recibiu máis de 161.000 euros para o seu mantemento e o dos tres traballadores cos que conta: unha asesora psicolóxica, un asesor xurídico e unha auxiliar administrativa. O ano pasado o CIM de Cangas atendeu a 360 persoas e recibiu 1.418 consultas.

Ademais, o Concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia machista e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras. Dentro das actividades ofertadas pola Rede, o CIM de Cangas levou a cabo unha intervención de terapia ocupacional con nenos, nenas e adolescentes expostos a situacións de violencia de xénero

Unidade Asistencial de Drogodepencias
Previamente á visita do CIM, Rueda visitou a Unidade Asistencia de Drogodependencias, coa que anualmente colabora a Xunta, a través dunha achega de máis de 200.000 euros da Consellería de Sanidade. Esta Unidade atende en torno a unhas 400 persoas anuais, tanto do propio concello de Cangas como dos concellos limítrofes de Bueu e Moaña.

A UAD de Cangas funciona dende 1986, atendendo diariamente a persoas con problemas relacionados co consumo de drogas e outras condutas aditivas, así como aos seus familiares e a calquera colectivo ou persoa que demande orientación sobre estes problemas. A atención é confidencial, voluntaria e absolutamente gratuíta.

O equipo de profesionais que traballan na UAD de Cangas está formado por dous especialistas en psicoloxía clínica, un medico psiquiatra, unha traballadora social, unha enfermeira, un auxiliar de clínica, un auxiliar de clínica e un membro do corpo da Policía local.

Tema: 
Departamento: