O DOG publica a convocatoria das axudas ás vítimas da violencia de xénero nas modalidades de pagamento único e indemnización

Nesta edición, 2014, a Xunta destinará 445.000 euros para proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de dúas liñas de axudas para vítimas de violencia de xénero, na modalidade de pagamento único e de indemnización, para as que a Xunta destinará 445.000 euros.

As axudas de pagamento único están destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero, residentes en Galicia, que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego. O seu obxectivo é proporcionarlle apoio económico a estas mulleres a través dunha achega equivalente a seis meses de subsidio por desemprego. Esta axuda poderá ampliarse ata os 24 meses no caso de que a vítima teña ao seu cargo familiares ou menores algunha discapacidade ou sexa persoa dependente.

O Goberno galego efectúa o abono destas axudas nun pago único, e van dirixidas ás mulleres que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñan especiais dificultades para obter un emprego e carezan de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 por cento do salario mínimo interprofesional. 
O ano pasado foron perceptoras destas axudas un total de 61 mulleres, 15 delas con algún tipo de discapacidade. Por provincias, 24 eran da Coruña, 10 de Lugo, 4 de Ourense e 23 da provincia de Pontevedra. O 77 por cento eran de nacionalidade española e oito de cada dez con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos.

Liña de indemnizacións

Pola súa banda, a liña de indemnizacións asumidas por Igualdade, cun orzamento de 45.000 euros, establece un pago máximo de 6.000 euros para os casos nos que se produce incumprimento do pago da indemnización á vítima establecida mediante sentencia xudicial. O pasado ano houbo once beneficiarias desta indemnización, todas elas residentes na provincia da Coruña e no 82 por cento dos casos de nacionalidade española.

O prazo de entrega das solicitudes rematará o vindeiro 30 de novembro, para as axudas de pagamento único, e 31 de outubro, para as indemnizacións. Os formularios de solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia -https://sede.xunta.es- e poderá ampliarse información ás persoas interesadas a través da na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, na sección de axudas