O filme "Señora de" contou coa presenza da secretaria xeral da Igualdade na súa estrea no Cineuropa

A secretaria Xeral da Igualdade, Marta González, asistiu  no Teatro Principal á estrea do filme "Señora de", da directora galega Patricia Ferreira, que se proxectou no ámbito do Cineuropa.

Multimedia

A secretaria Xeral estivo acompañada da autora do documental, Patricia Ferreira, e de Jose Luis Losa, director de Cineuropa,  un dos maiores encontros de cinema da capital galega, que este ano festexa a súa edición número vinte, e que é un bo palco para divulgar o cinema feminino.

Coa súa presenza a secretaria Xeral quixo amosar o seu apoio ao cine feito por mulleres e pensado en feminino. Ademais, esta película serve para amosar os logros obtidos polas mulleres nos últimos anos en materia de igualdade, ao mesmo tempo que nos permite reflexionar sobre os retos que aínda temos por diante.

A cinta amosa os testemuños de varias xeracións de mulleres, que ante as circunstancias que lles tocou vivir non quixeron resignarse a aceptar que naceron e medraron noutra época, unha na que as súas voces non tiñan o eco que precisaban.

As mulleres que aparecen no filme pertencen a diferentes clases sociais e teñen diferentes tipos de educación, veñen do campo, do mar, da cidade. En "Señora de" a directora Patricia Ferreira consegue que falen do que foi a súa vida, repleta de acontecementos que hoxe nos parecerían lonxevos,  aínda que iso aconteceu nunha historia moi recente.