A Xunta achega o exemplo de mulleres galegas senlleiras a centros educativos a través do proxecto NIN + NIN -, IGUAIS

Diferentes mulleres galegas, líderes nos seus respectivos sectores, conciencian sobre esta problemática ás xeracións máis mozas en prol da igualdade

O proxecto busca reverter a crenza de que certos traballos son “masculinos”

Multimedia

 A Xunta achega o exemplo de mulleres galegas senlleiras a centros educativos a través do proxecto NIN + NIN -, IGUAIS
Monforte de Lemos (Lugo), 10 de abril de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta mañá a un encontro co alumnado do IES A Pinguela, en Monforte de Lemos, dentro do proxecto NIN + NIN -, IGUAIS. Ás nenas edúcaselles, a miúdo, na crenza de que certos traballos son meramente “masculinos” e de que a capacidade feminina neste ámbito é inferior á dos homes. Por elo, este proxecto busca reverter este proceso e facer comprender que os estereotipos baseados no xénero son conceptos artificiais.

López Abella participou este mércores nun dos dez encontros con mulleres senlleiras en distintos centros educativos de Galicia a prol da igualdade. A actividade foi dirixida a alumnado do IES A Pinguela de entre primeiro e cuarto da ESO, de 12 a 16 anos. Os mozos e as mozas escoitaron a experiencia de Ana M. Corredoira, bióloga de formación e gandeira de profesión, que está ao fronte dunha moderna granxa de explotación ecolóxica.

A discriminación da muller, explicaron as poñentes, vívese en moitos ámbitos, pero principalmente no laboral, onde a fenda salarial ou o teito de cristal son os obstáculos máis comúns que atopan as profesionais que queren triunfar na súa carreira profesional. Corredoira, que tamén é socia fundadora do proxecto As Vacas da Ulloa SCG, relatou a súa historia e respondeu ás preguntas relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía e sobre as trabas que atopa no seu traballo.

Sensibilización contra a violencia de xénero

Logo da súa visita ao IES A Pinguela, a secretaria xeral da Igualdade achegouse ata o IES Río Cabe, tamén na localidade lucense, para asistir á representación da obra teatral Golpes de sensibilización contra a violencia de xénero.

O obxectivo desta representación teatral, que está a percorrer moitos institutos galegos, é concienciar á nosa mocidade sobre a violencia de xénero.

Tema: