O ano pasado foron perceptoras das axudas 286 mulleres
Amplíase o orzamento inicial en 345.150 euros
Santiago, 31 de outubro de 2014. O Diario Oficial de Galicia publicou no día de hoxe a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas económicas de carácter periódico ás mulleres que sofren violencia de xénero en 345.150 euros.
O pasado mes de marzo, a Xunta convocou un ano máis estas axudas para as que o Goberno galego destinou na convocatoria plurianual 2014-2015 un total de 1.905.150 euros, dos que 750.150 euros son para esta anualidade e 1.155.000 euros para a anualidade 2015. Esta cantidade supuxo un incremento de máis do 5 por cento con respecto ao ano 2013, ao pasar de 1.808.850 euros do pasado ano a 1.905.150 euros deste exercicio.
Na Lei de Orzamentos 2014 contemplaba que estas axudas económicas poderían ser ampliables, polo que na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, o goberno precisa necesario incrementar esta dotación orzamentaria destinada ás axudas.
Mantendo un ano máis estas partidas, a Xunta de Galicia pon de relevo novamente o seu compromiso coas vítimas da violencia de xénero, ás que lle ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia. Estas axudas buscan garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.
A Comunidade galega é pioneira na articulación de axudas económicas destas características, e ata hai un mes era a única Administración do Estado con axudas directas ás vítimas para posibilitarlle a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia.
As axudas son de ata 12 mensualidades e de entre 300 e 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria e dos fillos/as menores e menores ao seu cargo, así como de circunstancias de discapacidade. A axuda se incrementa en función do número de fillos e fillas de cada muller e de si posúe algunha discapacidade, tanto ela mesma como algún dos seus fillas e fillos, percibindo nestes casos entre 700 e 800 euros mensuais.
Requisitos para optar ás axudas
- Ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia.
- Ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude.
- Percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente.
- Estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
Beneficiarias do ano pasado
O pasado ano, 286 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia percibiron esta modalidade de axudas. Delas, un 81,5 por cento eran de nacionalidade española e o restante 18,5 por cento estranxeiras.
Por provincias, A Coruña e Pontevedra encabezan a listaxe con 104 perceptoras de axudas cada unha, seguidas de Lugo con 44 e Ourense con 34. O perfil de idade maioritario é o de 26 a 45 anos, que representa o 69 por cento do total. Hai 173 beneficiarias que son nais e 20 teñen algunha discapacidade.