A Xunta apela ao consenso e á suma de esforzos para avanzar na loita contra a lacra da violencia de xénero

O vicepresidente incidiu no Parlamento na necesidade de estreitar a coordinación entre institucións penitenciarias, policía, ámbito xudicial e servizos sociais

Rueda anunciou un Plan para dinamizar o labor dos concellos na loita contra a violencia de xénero e accións para reforzar a educación en igualdade na escola

A Policía Autonómica contará con acceso á base de datos Viogen e poderá tramitar directamente denuncias por malos tratos

Multimedia

  • Rueda na súa comparecencia parlamentaria  Autor: Ana Varela
  • Rueda na súa comparecencia parlamentaria  Autor: Ana Varela
  • Rueda na súa comparecencia parlamentaria  Autor: Ana Varela

Santiago, 9 de setembro de 2014.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento para informar sobre as políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero, onde apelou ao consenso e á suma de esforzos como a vía máis intelixente para alcanzar resultados na loita contra esta lacra.

Durante a súa intervención, Rueda incidiu en que a violencia de xénero é un fenómeno estrutural e que por iso esixe dun compromiso global e permanente de todas as administracións, todas as institucións e o conxunto da sociedade para superala. “Sen divisións e con confianza na acción pública”, remarcou.

Nese sentido, tamén incidiu na necesidade de estreitar a coordinación entre todos os axentes implicados, a través do intercambio de bases de datos; perfeccionando os protocolos de valoración de risco; incrementando a comunicación entre institucións penitenciarias, policía, ámbito xudicial e servizos sociais; e sobre todo, aumentando a prevención e a educación en igualdade.

Neste marco traballa a Xunta que, por exemplo, onte mesmo constituíu os tres grupos de traballo no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Estes grupos, cuxa labor comezará de inmediato, encargaranse de elaborar un Protocolo de coordinación e cooperación institucional, aportar directrices e boas prácticas -da man das experiencias das propias vítimas- e abordar o fenómeno coa mocidade dende o ámbito educativo.

Dinamización a nivel local

Rueda tamén anunciou que se vai presentar un Plan para dinamizar o labor que realizan os concellos na loita contra a violencia de xénero. Xa comezaron as xestións coa Fegamp para articular esta medida cuxa implantación será progresiva ata conseguir que todos os concellos galegos conten cunha Mesa Local de Coordinación. O obxectivo é acadar unha rede de alerta municipal, con presenza de todas as instancias implicadas, para detectar os casos e prevelos antes de que se produzan.

Outro aspecto que destacou foi o protocolo de derivación entre centros de acollida para vítimas de violencia de xénero e os seus fillos ao que Galicia se adheriu o pasado 21 de xullo no seo da Conferencia Sectorial de Igualdade. Dada a súa natureza como centro coordinador, o CRI prestou especial atención a esta cuestión e desde hoxe mesmo ao próximo 8 de outubro están tendo lugar visitas ao Centro do persoal dos servizos sociais municipais de todos os concellos galegos. Estas visitas xa as fixeron anteriormente o persoal dos CIM, casas de acollida e o CEMVI, dada a súa relevancia como potenciais centros derivadores de usuarias.

Na mesma liña de protección das vítimas, Rueda anunciou que se vai impulsar o papel da Policía Autonómica, que a partir de agora e froito do acordo alcanzado co Ministerio de Interior, vai poder acceder á aplicación informática VIOGEN -Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero- e tramitar directamente as súas propias denuncias por malos tratos.

Por último, o vicepresidente da Xunta adiantou que de cara a este curso escolar haberá xornadas de información e formación sobre a violencia de xénero nas rede sociais, ademais de actividades dirixidas ás ANPAS, material didáctico de prevención e unha convocatoria de premios para aqueles centros que se distingan polas accións de promoción da igualdade e de prevención da violencia machista.

Medidas en marcha

Todas estas iniciativas se suman ás medidas que xa ten en marcha o Goberno galego para loitar contra esta lacra e atender ás vítimas, coma a blindaxe de créditos para as axudas económicas que reciben estas mulleres, que tamén teñen acceso preferente nas accións formativas e nas axudas á contratación indefinida que impulsa a Consellería de Traballo.

Só no ano 2013 foron contratadas un total de 56 vítimas de violencia ao abeiro dos programas de cooperación e 350 accederon a un contrato de arrendamento de vivenda habitual co programa Aluga, xa que as vítimas de violencia son colectivo prioritario na percepción das axudas ao aluguer. Do mesmo xeito, a Lei de inclusión social de 2013 regulou por primeira vez un procedemento de tramitación abreviada para estas vítimas no acceso á Risga e os menores vítimas de violencia son perceptores de bonificación total nos comedores escolares.

Entre outras medidas citadas por Rueda, fixo fincapé na posta en marcha antes do verán do Centro de Recuperación Integral, o eixo integral da rede de acollida, no que a día de hoxe están sendo atendidas 7 mulleres. Tamén houbo case 100.000 consultas o pasado ano nos 80 Centros de Información á Muller espallados por toda a comunidade e se constituíron a Comisión Interdepartamental, o Consello galego das Mulleres e o Observatorio da Violencia, completando a estrutura orgánica prevista na Lei galega de violencia.