A Xunta aposta pola escola como medio ideal para a prevención e detección da violencia de xénero na poboación xuvenil

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe en Lalín o X curso de verán, nesta ocasión sobre educación e violencia de xénero

No acto, López Abella tamén alertou sobre o mal uso de Internet e as tecnoloxías entre os mozos e mozas como nova forma de exercer a violencia

  • Susana López Abella no curso sobre igualdade en Lalín
  • Susana López Abella no curso sobre igualdade en Lalín

Lalín, 15 de xullo de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá no Auditorio Municipal de Lalín o X curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Que facer coas violencias dende a educación de xénero?”, onde destacou o papel da escola como espazo ideal para a prevención e detección da violencia de xénero na poboación xuvenil, no que se debe proporcionar modelos de educación en igualdade de dereitos entre homes e mulleres.

Neste sentido, a secretaria xeral tamén resaltou a gran responsabilidade e o importante labor da escola como axente social de cambio, sendo o espazo idóneo para a transmisión de valores de igualdade e respecto ás diferenzas.

Para lograr este fin, López Abella destacou o traballo das profesoras e profesores dos centros educativos, xa que son fundamentais á hora de influír no alumnado respecto á formación da súa identidade de xénero, así como nas relacións que se establecen entre rapaces e rapazas.

Nesta liña, a Secretaría Xeral da Igualdade considera a Coeducación -ou educación para a igualdade entre homes e mulleres- como unha das estratexias básicas para previr a aparición da violencia de xénero, mediante programas específicos de sensibilización que aborden este problema dende a perspectiva da igualdade e os dereitos humanos.

Preocupación polo “ciberacoso”
Na súa intervención, Susana López Abella mostrou a súa preocupación polo mal uso de Internet e as tecnoloxías, que se presentan como unha nova forma de exercer a violencia de xénero entre adolescentes.

López Abella recordou que as redes sociais poder ser unha eficaz ferramenta de sensibilización fronte á violencia de xénero, pero que tamén poden facilitar novas vías para o exercicio de condutas violentas como é o “ciberacoso”, que supón unha invasión sen consentimento da intimidade da vítima.

Este panorama pon en manifesto que a violencia de xénero afecta a todos os sectores da poboación, incluídos os máis novos. Os estereotipos sexistas existentes na sociedade, así como o xeito en que asumimos, interiorizamos e reproducimos crenzas, prexuízos e comportamentos baseados na desigualdade e o sexismo constitúen un terreo aboado para a aparición das diferentes manifestacións de violencia.

Neste sentido, Susana López Abella recordou que a xuventude e a adolescencia teñen unha importancia vital no desenvolvemento da persoa. Por iso é tan relevante actuar nesta etapa, concienciando aos mozos e mozas na educación en igualdade.

Tema: