A Xunta axudou economicamente a máis de 350 mulleres vítimas de violencia de xénero en 2013

A secretaria xeral da Igualdade fixo balance das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero o pasado exercicio

Galicia é a única Comunidade que conta cunha axuda económica periódica para as vítimas de violencia de xénero e en 2013 atendéronse todas as solicitudes

Tamén se atenderon psicoloxicamente a 323 persoas e se xestionaron 5.625 chamadas a través do teléfono de información á muller

Multimedia

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa

Santiago, 31 de xaneiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, fixo balance esta mañá nunha rolda de prensa das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o ano pasado. En 2013 a Xunta ofreceu 358 axudas económicas a vítimas, atendeu psicoloxicamente a 323 persoas e xestionou 5.625 chamadas a través do teléfono de información á muller.

A secretaria xeral lembrou que o ano pasado a lacra da violencia de xénero supuxo a morte de tres mulleres en Galicia e que os xulgados ditaron ordes de protección e e medidas cautelares sobre 998 mulleres. Tamén informou de que houbo 459 vítimas protexidas con dispositivos de telelocalización e 22 agresores con sistemas de seguimento telemático das medidas de afastamento.

Ademais, ata finais de setembro -últimos datos facilitados polo CGPJ-, o número de denuncias presentadas ascenderon a 3.931. Neste punto, López Abella fixo un chamamento á importancia da denuncia, que é “o factor desencadeante dos protocolos de protección” e dos recursos económicos e humanos dos que dispoñen as distintas administracións para axudar ás vítimas a superar a súa situación.

Axudas económicas
En 2013 a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu 358 axudas económicas a mulleres vítimas de violencia de xénero. Gran parte destas axudas, 286, correspóndense coa modalidade de pagamentos mensuais, nas que as vítimas reciben durante doce meses cantidades que oscilan entre os 300 e os 800 euros mensuais. No resto dos casos, 61 recibiron axudas de pagamento único -por acreditar insuficiencia de recursos e especiais dificultades para acceder a un emprego- e as outras 11 indemnizacións.

Xeograficamente, das 358 mulleres perceptoras destas axudas, o maior número corresponde a mulleres residentes na provincia da Coruña, con 139 casos; seguida de Pontevedra, con 127; Lugo con 54 mulleres e Ourense con 38. Ao redor do 80 por cento das beneficiarias eran de nacionalidade española.

Susana López Abella destacou que Galicia é a única Comunidade Autónoma que conta cunha axuda económica periódica para as vítimas de violencia de xénero e que o pasado ano atendéronse todas as solicitudes de axudas que cumprían os requisitos da convocatoria. “Non quedou ningunha muller sen atender”, insistiu a secretaria.

Atención psicolóxica
O balance 2013 achega tamén o dato de 323 participantes no programa de atención psicolóxica que desenvolve a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Destas, 221 eran mulleres, 88 fillos e fillas menores e 14 persoas con dependencia directa da vítima.

Pola súa banda, o programa Abramos o círculo, dirixido a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, contou coa participación de 61 usuarios; e 211 mulleres accederon ao programa de inserción laboral para o colectivo de vítimas de violencia de xénero da Consellería de Traballo e Benestar Social.

Centros de acollida
Sucesivamente e ao longo de todo o ano, foron atendidas como residentes na rede de casas de acollida 156 mulleres e 120 menores. Esta rede está composta polo Centro de Emerxencia para Mulleres en Vigo -CEMVI- e cinco casas de acollida de titularidade municipal en A Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo e Ferrol.

As consultas ao Teléfono de Información á Muller 900 400 273, conveniado co 016, ascenderon a 5.625, o 24 por cento máis que no 2012. Na súa maioría, estas chamadas estiveron centradas en atención psicolóxica (56%), consultas xurídicas (17%) e información sobre os recursos a disposición das vítimas (16%).

O servizo de asesoramento xurídico online recibiu 99 consultas, centradas en asuntos como a conciliación familiar, a quenda de oficio e asuntos relacionados coa violencia de xénero. Pola súa parte, o servizo de teletradución que Igualdade ten instalado nos CIMs e nas ONGs que traballan na asistencia a mulleres, permitiu a atención ás usuarias en 9 idiomas diferentes, fundamentalmente o árabe, o inglés e o romanés. A provincia na que máis se demandou este servizo foi Pontevedra, co 58 por cento dos casos.

Acción popular
Máis alá dos datos estatísticos, Susana López Abella quixo volver a destacar o “paso adiante” que deu a o Goberno galego na loita contra a lacra da violencia de xénero, ao acordar o pasado mes de xullo personarse como acción popular en todos os casos de morte por violencia de xénero na nosa comunidade.

Neste sentido, onte mesmo o presidente Alberto Núñez Feijóo anunciou que o Executivo galego xa iniciou os tres primeiros personamentos en procedementos penais por casos de morte por violencia de xénero. Son os relativos as mortes de Fátima Machado, en Verín; Isabel Pérez, en Marín; e María José Suárez, que faleceu este mesmo mes en Cervo.