A Xunta colabora con Médicos do Mundo para ofrecer atención integral ás mulleres en situación de prostitución e trata

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella visitaron hoxe a sede da ONG en Santiago de Compostela

Nos cinco anos que leva colaborando coa Xunta, Médicos do Mundo recibiu preto de 230.000 euros que lle teñen permitido atender a milleiros de mulleres

A organización ten unha Unidade móbil que se despraza ás zonas onde se exerce a prostitución de rúa, en pisos ou en clubs de Vigo, Coruña, Pontevedra e Santiago

  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe a sede compostelá de Médicos do Mundo  Autor: Xoán Crespo
  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe a sede compostelá de Médicos do Mundo  Autor: Xoán Crespo
  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe a sede compostelá de Médicos do Mundo  Autor: Xoán Crespo

Santiago, 17 de outubro de 2014.- O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitaron hoxe a sede compostelá de Médicos do Mundo, coa que colabora a Xunta desde 2010 para a atención de mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fines de explotación sexual.

Médicos do Mundo é unha das once entidades sen ánimo de lucro coas que Igualdade asina convenios de colaboración para desenvolver programas de atención a este colectivo. No seu caso concreto, o traballo desenvolvido busca mellorar a saúde bio-psicosocial das mulleres e favorecer á súa integración social.

Nos cinco anos que leva colaborando coa Xunta, Médicos do Mundo recibiu preto de 230.000 euros que lle teñen permitido atender a milleiros de mulleres. Ademais, conta cunha Unidade móbil que se despraza ás zonas onde se exerce a prostitución de rúa, nos pisos ou nos clubs nas cidades de Vigo, Coruña, Pontevedra e Santiago, así como as súas áreas de influencia: Carballo, Arteixo, As Mariñas, Lalín, Boiro e Ribeira.

No primeiro semestre do ano a ONG atendeu a máis de 600 mulleres, máis da metade delas na provincia da Coruña. O 85 por cento destas mulleres son inmigrantes, procedentes de países como Romanía (115), Bosnia (111) ou República Dominicana (107) e cunha idade comprendida entre os 25 e os 54 anos. Tamén destaca o alto número de menores de 25 anos atendidas, que nos seis primeiros meses do ano xa foi de 82.

Preto de mil mulleres atendidas en 2013
Durante o pasado exercicio, Médicos do Mundo atendeu atendeu a preto de mil mulleres ás que lles brindou unha atención integral, tanto de asesoramento como de acompañamento. O 87 por cento procedían de Romanía (200), Brasil (184); Colombia (136) e República Dominicana (133).

Aínda que a maioría das mulleres atendidas son inmigrantes en situación irregular, a ONG alerta dun retorno á prostitución de mulleres de nacionalidade española, cuxa porcentaxe incrementouse dun 10 a un 14 por cento no último ano, con 124 casos. Dentro das españolas tamén destaca o incremento de mulleres novas -de 18 a 24 anos- que en a penas dous anos triplicouse.

Ademais desta atención integral a mulleres, o ano pasado Médicos do Mundo realizou 4.961 intervencións: 399 psicolóxicas, 891 sanitarias, 1.816 sociais e 1.855 obradoiros e outras accións educativas.

Día Europeo contra a trata
Hoxe mesmo, o Consello da Xunta deu o visto bo a unha declaración institucional que o Goberno galego fará pública mañá, 18 de outubro, coincidindo coa conmemoración do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos.