A Xunta comparece como acción popular nos casos de dúas vítimas mortais por violencia de xénero este ano

Dende o ano 2013, o Consello da Xunta aprobou compareceren todos os procesos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero

Na actualidade, son sete os procesos penais nos que o goberno está constituído en parte

A Asesoría Xurídica da Xunta compareceu por instancias da Secretaría Xeral de
Igualdade, como acción popular no caso das mortes de Isabel Fuentes Fernández e
Beatriz Rodríguez Mariño. Concretamente, os/as letrados/as da Xunta de Galicia
compareceron nas dilixencias previas abertas no Xulgado de Instrución número 3 de
Ourense e Xulgado de Instrución número 1 de Ponteareas, que aceptaron a
comparecencia como parte.

A Secretaría Xeral de Igualdade solicitou, constatado o falecemento de Mª Isabel
Fuentes Fernández e a apertura dunhas dilixencias previas por razón de morte por
causa de violencia de xénero, o exercicio da acción popular por parte da Asesoría
Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. En virtude do antedito, procedeuse por parte
da letrada da Xunta a comparecer nas dilixencias previas do Xulgado de Instrución
número 3 de Ourense exercendo a acusación popular. O dito Xulgado aceptou a
comparecencia da Xunta de Galicia para a continuación inhibirse a favor do Xulgado
de Instrución número 1 de Verín, no que actualmente se seguen as actuacións do
sumario.

No caso do falecemento de Beatriz Rodríguez Mariño, a Secretaría Xeral de
Igualdade solicitou a apertura dunhas dilixencias previas por razón de morte por
causa de violencia de xénero, o exercicio da acción popular por parte da Asesoría
Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, polo que se procedeu por parte do letrado da
Xunta a comparecer nas dilixencias previas do Xulgado de Primeira Instancia e
Instrución número 1 de Ponteareas exercendo a acusación popular.

No ano 2013, o Consello da Xunta aprobou o protocolo para o exercicio da acción
popular por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos
procedementos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero. No dito
acordo disponse que os/as letrados/as da Xunta de Galicia presentaránperante o
Xulgado de Instrución ou de Vixilancia de Violencia sobre a muller onde se estea a
tramitar unha instrución por falecemento por causa de tal violencia de xénero,
escrito procesual exercendo a acción popular constatada a existencia desta.

Con esta iniciativa, a Xunta deu cumprimento aos artigos 30 e 31 da Lei 11/2007
galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como un
paso máis na procura da igualdade efectiva entre homes e mulleres, concretamente
na loita contra a violencia de xénero, e afianzou o compromiso institucional coa
erradicación desta lacra.