A Xunta condena o acto de violencia de xénero que acabou coa vida dunha muller no concello de Vigo

Reitera o seu apoio ás vítimas e pide a todas as galegas e galegos inconformismo para rebelarse contra esta repudiable lacra

Santiago, 6 de outubro de 2015.- O Goberno galego expresa a súa máis firme condena polo acto de violencia de xénero que lle custou a vida a Silvina de Oliveira Domingues. Trátase da cuarta morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia, un crime polo que o Goberno galego manifesta a súa consternación ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra. A Xunta reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos violentos e apela á corresponsabilidade de toda a cidadanía na erradicación deste problema público e social de primeira orde.

Lémbrase que as vítimas teñen a súa disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.

Cabe lembrar que o goberno galego ten á disposición das mulleres vítimas da violencia de xénero varias medidas de protección e asistencia integral, coma as axudas de apoio económico, axudas de apoio psicolóxico a través dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía, cun teléfono de asistencia gratuíto as 24 horas do día (629.777.595); ademais dunha rede de acollemento, que consta de 5 casas de acollida e do Centro de Emerxencias situado en Vigo. E outras medidas de apoio e protección, coma o servizo de asesoramento xurídico online e o servizo ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para vítimas de violencia de xénero.

Ademais, hai que lembrar que na nosa Comunidade hai 80 Centros de Información á Muller en varios concellos de Galicia que realizan unha gran labor, sendo uns dos primeiros sitios a onde poden acoder as mulleres vítimas de violencia de xénero e onde atoparán axuda de profesionais na materia, coma psicólogas, avogadas ou asistentes sociais, que poderán proporcionarlle asesoramento xurídico e psicolóxico.

Tema: