A Xunta defende que a educación emocional é “o mellor atallo” para diminuír a desigualdade e a violencia entre os mozos e mozas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron o XVI Foro Galego de Educación en Igualdade

Santiago, 8 de maio de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta tarde en Santiago o XVI Foro Galego de Educación en Igualdade, onde destacou que a educación emocional é “o mellor atallo” para diminuír a desigualdade e reducir a violencia entre os mozos e mozas.

A edición deste ano leva por título “A escola que constrúe emocións” e contou coa colaboración do Seminario Permanente de Emocionalidade, Xénero e Desenvolvemento Humano do Instituto de Ciencias da Educación da USC. Ademais de López Abella na inauguración tamén participou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

O obxectivo deste foro é resaltar a importancia da educación emocional como eixe vertebrador da convivencia, xa que “educar as emocións reduce a violencia, enriquece as capacidades adaptativas e constitúe o fundamento da aprendizaxe”. Ademais, López Abella defendeu a importancia de que os nenos e nenas saiban xestionar as súas emocións, o que “os fará estar máis preparados para o mundo laboral”.

De aí que nos últimos anos estase a facer un esforzo por superar a concepción da escola como mero trasmisor de coñecemento, en favor da ampliación dos procesos educativos que inclúa a educación nos valores e actitudes que necesita unha convivencia pacífica. “Traballar na educación das emocións fomenta o desenvolvemento emocional e axuda a previr a violencia nas súas distintas manifestacións”, insistiu a secretaria xeral.

Por último, a secretaria xeral da Igualdade destacou que desde o departamento que dirixe considéranse fundamentais tres temas transversais do sistema educativo: a perspectiva de xénero, para visibilizar as formas de reprodución de roles e estereotipos de xénero; a educación emocional, xa que as emocións acompañan sempre a cada persoa; e a violencia, un problema social que impide un desenvolvemento integral das persoas e da sociedade.

Tema: