A Xunta destaca a importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas

Susana López Abella participou hoxe no “Día Internacional das rapazas nas TICs”

O acto está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC e ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia

Multimedia

Susana López Abella participou hoxe no “Día Internacional das rapazas nas TIC”

Santiago, 23 de abril de 2015.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou hoxe a importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou hoxe no “Día Internacional das rapazas nas TICs”, que tivo lugar no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), co motivo da conmemoración hoxe mesmo do día Internacional das “Rapazas nas TIC” (Girls in ICT), promovido e coordenado pola ITU (International Telecommunications Union), da que España é membro, e que ten coma obxectivo crear unha contorna global que promova e apoie ás rapazas no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs).

Este acto, segundo palabras da secretaria xeral, está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia.

O CESGA, como coordinador deste proxecto e, en colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, ven traballando dende o ano 2012 en colaboración con institucións europeas, na elaboración dunha proposta de traballo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria para mellorar a percepción das aplicacións das TIC e as súas posibilidades futuras no mundo laboral e de estudos, así como a actitude emprendedora entre as rapazas máis novas

No curso 2014-2015, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, presentouse a acción “Rapazas Emprendedoras nas TIC” no marco do plan Proxecta, da Consellería de Educación e Cultura, para traballar con centros educativos galegos baseadas nas propostas obtidas da iniciativa europea, e coa intención de poder plantexar unha forma de traballo exitosa que dea os seus froitos na consecución de máis mulleres galegas emprendedoras no mundo das novas tecnoloxías no futuro.

A iniciativa “Rapazas emprendedoras nas TIC” pretende achegarse ás rapazas máis novas, en 1º e 2º da ESO, para ofrecerlles unha visión realista e atractiva do mundo das novas tecnoloxías, no que poden e deben xogar un papel activo e de liderado para poder contribuír a reverter a situación de desigualdade de xénero que existe en este sector a nivel non só nacional, senón global.

Tema: