A Xunta destaca a importancia do traballo da asociación Faraxa na atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución

Susana López Abella mantivo hoxe unha reunión ca presidenta de Faraxa, Mª Carmen Lago

  • Susana López Abella na reunión coas representantes de A Faraxa
  • Susana López Abella na reunión coas representantes de A Faraxa

Santiago, 9 de abril de 2014. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou hoxe a importancia do traballo da Asociación Faraxa na atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual.

López Abella mantivo hoxe unha reunión ca presidenta de Faraxa, Mª del Carmen Lago Fernández, quen relatou que durante o ano 2013 atenderon a un total de 2.183 mulleres, tanto no Centro de Día coma na Unidade Móbil.

No centro de día foron atendidas un total de 383 persoas, das cales 314 son prostitutas e 34 mulleres en risco de selo, 18 homes e 17 transexuais. Os servizos que se ofrecen no Centro de Día son a sala de calor-café, servizo de atención xurídica, servizo de atención psicolóxica, servizo de información social e sanitaria, promoción e prevención para a saúde, orientación socio-laboral e procura activa de emprego e charlas e actividades de prevención e sensibilización e acompañamentos a diferentes servizos socio-sanitarios, xurídicos e policiais.

Ademáis a Asociación Faraxa levou a cabo cursos de alfabetización e español para estranxeiras; cursos de orientación laboral para a procura de emprego, 16 charlas para usuarios/as do Centro sobre: prevención de ITS e métodos anticonceptivos, proba do VIH, prevención da VIH/SIDA e outras ITS; e actividades de sensibilización sobre a trata e a prostitución: xornadas, campañas, sesión de cine-debate e máis de 30 charlas en IES.

Grazas á Unidade móvil realizáronse 38 rutas que abarcaron todo o ámbito rexional de Galicia e foron visitados 147 clubs e atendidas 1.275 persoas; 185 pisos e atendidas 667 persoas; 14 barrios onde atenderon a 106 persoas; e 7 polígonos onde se exerce a prostitución onde atenderon a 79 persoas. Polo tanto o número total de persoas atendidas grazas á unidade móvil foi de 2.127. Ademais, repartíronse 3.100 kits preventivos.

Faraxa é unha das once entidades sen ánimo de lucro coas que Igualdade asinou o ano pasado convenios de colaboración para desenvolver programas de atención de mulleres en situación de trata e prostitución.