Xunta e CRTVG colaboran en prol da igualdade entre homes e mulleres e da eliminacion da violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta e o director xeral da CRTVG asinaron un convenio para realizar accións conxuntas en materia de igualdade

Rueda destacou que un correcto tratamento da violencia de xénero nos medios audiovisuais galegos axudará a crear as condicións necesarias para resolver este grave problema

Multimedia

  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz
  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz
  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz
  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz
  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz
  • Sinatura do acordo coa CRTVG | Autor: Conchi Paz

Santiago, 16 de xullo de 2014.- O Goberno galego e a Compañía de Radio Televisión de Galicia acordaron hoxe iniciar accións conxuntas dirixidas á promoción da igualdade e á loita contra a violencia de xénero.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de Igualdade na sede da CRTVG. Trala sinatura, Rueda destacou que un correcto tratamento da violencia de xénero nos medios audiovisuais galegos axudará a crear as condicións necesarias para resolver este grave problema.

Mediante esta colaboración coa CRTVG a administración autonómica pretende reforzar a integración do principio de transversalidade de xénero na actuación xeral da administración pública galega, de cara a conseguir unha maior eficiencia na intervención a favor da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, xa que pola súa implantación en Galicia éste é o medio idóneo para a difusión das accións de información, divulgación e sensibilización dirixidas á sociedade galega en xeral.

Xunta e CRTVG promoverán grupos de traballo para o tratamento axeitado dos temas relacionados coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero na súa programación, promovendo a formación en materia de igualdade entre mulleres e homes e de erradicación da violencia de xénero do persoal da CRTVG, como xa se levou a cabo o pasado ano no que durante tres días os profesionais do ente asistiron ao “Curso sobre tratamento informativo da Violencia Machista”, impartido pola xornalista Pilar López, doutora en Comunicación e experta en comunicación e xénero.

Na mesma liña, a CRTVG potenciará a visibilidade e audibilidade das mulleres dentro da súa programación, empregará unha linguaxe e/ou imaxes non sexistas, especialmente no ámbito da publicidade, prestando atención informativa e dando cobertura como a conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero e o Día Internacional da Muller.

Así mesmo, a CRTVG incluirá o número de teléfono de información ás mulleres nos programas, reportaxes e/ou espazos relacionados co ámbito da promoción da igualdade e da loita contra a violencia de xénero, con especial atención dentro dos espazos informativos, ás novas relativas aos delitos producidos por causa da violencia de xénero.