A Xunta e o Colexio de Psicólogos renovan a súa colaboración na atención ás mulleres que sofren violencia de xénero

Alfonso Rueda e a decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, renovaron o convenio para a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero

O convenio tamén recolle un programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar
 

  • Convenio para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero  Autor: Xoán Crespo
  • Convenio para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero  Autor: Xoán Crespo
  • Convenio para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero  Autor: Xoán Crespo

Santiago, 12 de maio de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o traballo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia polo seu labor na atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, as súas fillas e fillos menores, e a outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero.

Alfonso Rueda e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, asinaron hoxe o convenio para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero e que tamén recolle un programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

O Programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para as súas fillas e fillos menores e outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, ten coma finalidade ofertarlle a estas persoas recursos terapéuticos que lles faciliten a súa recuperación. Este Programa iniciouse no ano 2004 e conta cun orzamento anual de 120.000 euros.

Na mesma liña está o programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, programa denominado “Abramos o Círculo”, que ten coma finalidade ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación a homes que recoñezan ter problemas de control da violencia no ámbito familiar. Este programa iniciouse no ano 2001, a través dun convenio entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e ten un orzamento de 34.600 euros.

Ambos programas contan cunha persoa profesional da psicoloxía que os coordina, e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención profesional que comprenden asistencias e consultas as persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa;

Inclúese ademais a cobertura da asistencia domiciliaria en caso de morte por violencia de xénero con carácter de urxencia, sempre que sexa preciso, así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. E dende o ano 2014, inclúese en ambos programas a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.