A Xunta incrementa nun 60 por cento as axudas ás ONG que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata

Alfonso Rueda asinou hoxe once convenios de colaboración con distintas entidades, cun orzamento de 472.000 euros

Durante o ano 2013, estas entidades atenderon a 5.153 persoas

Multimedia

  • O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral da Igualdade na reunión cos representantes das ONG  Autor: Conchi Paz
  • O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral da Igualdade na reunión cos representantes das ONG  Autor: Conchi Paz
  • O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral da Igualdade na reunión cos representantes das ONG  Autor: Conchi Paz
  • O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral da Igualdade na reunión cos representantes das ONG  Autor: Conchi Paz
  • O vicepresidente da Xunta e a secretaria xeral da Igualdade na reunión cos representantes das ONG  Autor: Conchi Paz

Santiago, 7 de xullo de 2014.- O Goberno galego incrementou nun 60 por cento as axudas ás ONGs que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou no día de hoxe un total de once convenios de colaboración con distintas entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Segundo relatou o vicepresidente, o importe destinado este ano é de 472.000 euros (180.000 euros máis que no ano 2013) o que supón un incremento no orzamento con respecto ao ano anterior en máis do 60 por cento. As entidades coas que se asinaron os convenios son Accem, Adoratrices Ourense , Cáritas Lugo, Aliad-Utreira, Cáritas Ourense, Cáritas Santiago, Cruz Roja, Ecos do Sur, Faraxa, Médicos do Mundo, e Oblatas Ferrol.

Mediante estes convenios establécense as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e estas 11 entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de Programas, de atención a vítimas de trata, preferentemente inmigrantes, con fins de explotación sexual e/ou laboral, e coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas a través do financeamento dos gastos correntes e de persoal, e dos gastos derivados da adquisición de equipamento e do mantemento e mellora das infraestruturas de carácter social das que dispoñen as entidades e nas que se desenvolven as actuacións dos programas, de atención a vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, cofinanciado ao 80% con cargo ao FEDER.

Na nosa Comunidade Autónoma, tan só existen estas once entidades dedicadas a axudas das mulleres preferentemente inmigrantes que estean en situación de prostitución ou sexan vítimas de trata con fins de explotación sexual e todas elas cunha ampla experiencia no trato coas mulleres vítimas desta lacra social, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Entre as actuacións que realizan estas ONGs están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; creación de grupos de apoio para lograr espazos de referencia para o encontro, intercambio e apoio mutuo; capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio; desenvolvemento das potencialidades e capacidades das beneficiarias, a través de actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; a realización de obradoiros sobre diversos temas e o traballo na sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación.

Persoas atendidas no ano 2013
No ano 2013, estas 11 entidades atenderon a 5.153 persoas, das cales 4977 eran mulleres, 66 homes, 96 transexuais e 14 travestis, todas en situación de prostitución, en situación de especial vulnerabilidade e/ou en situación de explotación sexual.

As persoas atendidas proceden maiormente de Brasil, República Dominicana, Rumanía, Colombia e España, e o 79 por cento das persoas atendidas tiña entre 25 e 54 anos. Por provincias, A Coruña e Pontevedra atenderon ao 42 por cento e ao 29 por cento do total respectivamente, mentres que Lugo e Ourense acadaron o 20 por cento e o 9 por cento.