A Xunta leva investidos máis de 300.000 euros nas cinco casas de acollida de Galicia durante o ano 2015

A Xunta asina un convenio anual coas casas de Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Culleredo para financiar o seus gastos correntes de funcionamento

Este ano, como novidade, asináronse novos convenios financiados con fondos FEDER para o mantemento, equipamento e acondicionamento destes centros

O pasado semestre residiron sucesivamente nos cinco centros de acollida preto de cen persoas, entre mulleres e menores vítimas da violencia de xénero

Santiago, 21 de agosto de 2015.- A Xunta de Galicia, a través da súa Vicepresidencia, leva investido este ano un total de 307.000 euros nas casas de acollida de mulleres vítimas da violencia de xénero que existen nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Culleredo.

Estas cinco casas conforman, xunto ao Centro de Emerxencias de Vigo, a ‘Rede Galega de Acollemento’ e desde hai anos o Goberno galego colabora con elas a través dunha serie de convenios para financiar os seus gastos correntes. Os cinco convenios deste ano ascenderon a 232.000 euros.

Ademais este ano, como novidade, a Secretaría Xeral de Igualdade decidiu destinar parte dos fondos FEDER que recibe a colaborar coas casas de acollida da Coruña, Lugo, Ourense e Ferrol, a través de catro novos convenios de colaboración para o mantemento, equipamento e acondicionamento destes centros. Estas axudas foron de 75.000 euros.

O pasado semestre residiron sucesivamente nos cinco centros de acollida que conforman a Rede Galega de Acollemento un total de 97 persoas: 51 mulleres e 46 menores. Isto representa un nivel de ocupación media do 56 por cento no período que vai do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2015.

A colaboración da Xunta vén motivada pola importancia destes centros municipais á hora de ofrecer recursos especializados de acollida, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e aos menores que teñen ao seu cargo. Estes centros ofrécenlles un lugar de referencia a onde acudir, recibindo por parte de profesionais unha atención integral que vai dende a psicolóxica á sociolaboral, pasando pola xurídica ou a educativa.

A ‘Rede Galega de Acollemento’ complementase coas vivendas de seguridade para mulleres vítimas de explotación sexual e trata e polo Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, que abriu a Xunta de Galicia xa hai máis dun ano. Ademais, O Goberno autonómico tamén colabora cos concellos no mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e financiando programas de promoción da Igualdade, da conciliación e da prevención da violencia.