A Xunta reafirma o seu compromiso para fomentar o emprego e apoiar o emprendemento feminino

Susana López Abella e a secretaria xeral da Asociación Mulleres en Igualdade, Carmen Funez ,inauguraron esta tarde a xornada ‘Lugo Emprende’

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada ‘Lugo Emprende’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada ‘Lugo Emprende’

Lugo, 26 de novembro de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada ‘Lugo Emprende’, que organiza a asociación Mulleres en Igualdade de Burela, e na que tamén participaron a secretaria xeral da Asociación, Carmen Funez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Susana López Abella destacou que o emprendemento considérase un motor da innovación e do crecemento e a súa relevancia actual “é indiscutible”, dado o seu potencial de creación de emprego e de riqueza e a súa capacidade para impulsar a reactivación económica.

Con esa premisa, o Goberno galego está decidido a promover todas as accións necesarias para fomentar o emprego e tamén para apoiar o emprendemento feminino. Así, desde 2009 Igualdade leva investidos máis de 4 millóns de euros no Programa EMEGA para a promoción da igualdade no eido laboral e o apoio directo ao emprendemento feminino.

López Abella asegurou estar convencida de que é necesario potenciar unha participación máis ampla e diversa das mulleres no desenvolvemento económico e social de Galicia, “aproveitando o talento, a experiencia e a visión do seu capital humano para aumentar as bases dun tecido produtivo máis innovador e competitivo e cada vez máis internacionalizado e fomentando ao mesmo tempo unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero”

Así mesmo afirmou que a igualdade de oportunidades ten que ser “o punto de partida” de todas as persoas e que o resultado final será aquel que cada unha se constrúa co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. “Nun marco de igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro”, rematou.

Tema: