A Xunta reitera a importancia dunha resposta global e coordinada na asistencia ás vítimas de violencia de xénero

Susana López Abella inaugurou hoxe en Pontevedra as “II Xornadas contra a Violencia de Xénero” onde insistiu en que é necesario rematar con esta lacra

  • Susana López Abella inaugurou hoxe en Pontevedra as “II Xornadas contra a Violencia de Xénero”
  • Susana López Abella inaugurou hoxe en Pontevedra as “II Xornadas contra a Violencia de Xénero”

Pontevedra, 7 de novembro de 2014.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe o compromiso da Administración en articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero en calqueira das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo.

Susana López Abella inaugurou hoxe en Pontevedra as II Xornadas contra a Violencia de Xénero onde insistiu que é necesario rematar con esta lacra, polo que destacou a necesidade de poñer en coñecemento das instancias xudiciais e policiais a situación de maltrato canto antes, para a partir de aí, activar os mecanismos de protección adecuados mediante as forzas e corpos de seguridade, servizos sanitarios e sociais, traballadores sociais, persoal dos CIM, das casas de acollida, do Centro de Recuperación Integral, do Centro de Emerxencias de Vigo, en definitiva unha inmensa rede de asociacións e colectivos en defensa dos dereitos das mulleres.

A titular de Igualdade incidiu que rematar con esta lacra é para o Goberno galego unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e con toda a sociedade, e para iso ten en marcha diversas medidas para axudar coma son as medidas de apoio económico para posibilitarlles a independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia, das que, entre os anos 2006 e 2013, beneficiáronse preto de 2.700 mulleres e destináronse 22 millóns de euros. Medidas de apoio psicolóxico, a través dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, no que se da apoio a mulleres, menores e persoas dependentes.

En canto ao sistema de protección e asistencia integral e especializada para mulleres vítimas de violencia de xénero, Galicia conta cunha Rede de acollemento que a conforman: cinco casas de acollida (Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense) e o Centro de Emerxencias de Vigo.

Finalmente, López Abella relatou que hai outras medidas de apoio e protección, coma son o servizo de asesoramento xurídico online; o servizo ATENPRO (servizo telefónico de atención e protección para vítimas de violencia de xénero); o servizo de VIOGEN (sistema de seguimento integral da violencia de xénero), ou o Teléfono da Muller, entre outros.