A Xunta reitera o seu compromiso na loita contra a trata de persoas con fins de explotación sexual

A secretaria xeral da Igualdade inaugurou hoxe en Lugo a III Xornada contra a Trata, que este ano se centra na “Investigación, detección e protección de vítimas”

O VI Plan Galego para a Igualdade presta especial atención á visibilización e o reforzo das medidas destinadas a previr a trata e a asistencia das vítimas

A Vicepresidencia incrementou nun 60 por cento as axudas ás ONGs encargadas de axudar a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata

  • A secretaria xeral da Igualdade inaugurou hoxe en Lugo a III Xornada contra a Trata, que este ano se centra na “Investigación, detección e protección de vítimas”.
  • A secretaria xeral da Igualdade inaugurou hoxe en Lugo a III Xornada contra a Trata, que este ano se centra na “Investigación, detección e protección de vítimas”.
  • A secretaria xeral da Igualdade inaugurou hoxe en Lugo a III Xornada contra a Trata, que este ano se centra na “Investigación, detección e protección de vítimas”.

Lugo, 19 de setembro de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá a III Xornada contra a Trata, que este ano se celebrou na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo baixo o título “Investigación, detección e protección das vítimas”.

López Abella agradeceu o traballo e esforzo de todas as entidades que conforman a Rede galega contra a trata -organizadora do evento- e reiteroulles o compromiso do seu Goberno para loitar contra esta lacra e dar apoio e protección ás persoas que sofren as súas consecuencias.

Precisamente por iso, un dos obxectivos do VI Plan Galego para a Igualdade entre mulleres e homes, é outorgar unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual, posto que se trata dunha grave “vulneración dos dereitos máis elementais das persoas, que se reduce a unha simple mercadoría e a despoxa da súa dignidade”.

Pioneiros la loita contra a trata
A titular de Igualdade na Xunta lembrou que Galicia foi pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010 do Protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta para a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás vítimas. Ademais, a nosa comunidade tamén foi a única do Estado que participou no proxecto europeo “Itíneris: Protección dos Dereitos das Persoas Migrantes contra a Explotación, de Brasil cara á Unión Europea”.

Neste ano 2014 o compromiso da Xunta coas vítimas viuse reforzado co incremento de máis do 60 por cento do importe dos convenios de colaboración que a Vicepresidencia da Xunta asina anualmente coas entidades que levan a cabo programas de atención de mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Grazas a este tipo de axudas, o ano pasado en Galicia estas entidades atenderon a un total de 5.153 persoas, a súa maioría na provincia da Coruña -42 por cento-, de entre 25 e 54 anos -79 por cento- e procedentes de países como Brasil, República Dominicana, Romanía e Colombia.

Programa da xornada
O programa de xornada continuará cunha presentación da Rede Galega contra a Trata, o relatorio “Procedementos xudiciais de investigación na trata de persoas”, a cargo da titular do Xulgado de Instrución nº1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes; e unha mesa redonda sobre detección e protección das vítimas de trata na que participarán diversos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Xa pola tarde haberá un relatorio sobre “Trata de persoas: Unha mirada Internacional”, na que participarán Nieves Altagracia, da Fundación dominicana ‘Centro Nuestra Esperanza’ e Leonor Ladrón de Guevara, do grupo de expertos sobre a loita contra a trata de seres humanos do Consello de Europa (GRETA). O encontro finalizará coa representación da peza teatral ‘Ama-dor’ de Trécola Teatro.