A biomédica Carmen Navarro é a gañadora Premio Maria Josefa Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia na súa edición de 2010

Este galardón, que leva o nome da matemática galega María Josefa Wonenburger Planells, pioneira no campo da álxebra, recoñece os méritos científicos e o impacto social das mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía. A Unidade Muller e Ciencia está integrada pola Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica, a Secretaría Xeral de Universidades, e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i). A premiada, Carmen Navarro, é directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e xefa do Servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do Hospital de Vigo (Meixoeiro) e unha experta na investigación de enfermidades neuromusculares, prionopatías e das enfermidades lisosomais de depósito.

A biomédica galega Carmen Navarro Fernández- Balbuena, directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, é a galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia do ano 2010, da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e a tecnoloxía.

Navarro é gañadora da edición deste premio no 2010, que foi creado hai catro anos para recoñecer e visibilizar a traxectoria relevante de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e recibe o nome de María Josefa Wonenburger Planells en homenaxe á matemática coruñesa. A cerimonia de entrega celebrarase a segunda semana de decembro.

A Unidade Muller e Ciencia, xurado do premio, concedeulle o galardón a Carmen Navarro, directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e xefa do Servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Meixoeiro), porque "a súa traxectoria amosa un intenso esforzo e unha continua preocupación pola investigación e porque os avances acadados se reflictan en melloras da situación das persoas enfermas".

Navarro, cuxa traxectoria investigadora é longa e brillante, "aúna esforzos en dous campos tan importantes como a xestión e a investigación, sen que esta tarefa lle impida manter a súa humanización como médica, realizando proxectos solidarios de investigación coas asociacións de pacentes de enfermidades raras e neuromusculares e que requiren da investigación para mellorar os métodos diagnósticos e de tratamento, e a calidade de vida de moitas persoas, un dos grandes retos aos que se enfronta actualmente a medicina".

Ademais, sinalou o xurado, Carmen Navarro é unha muller recoñecida a nivel nacional e internacional polos seus traballos de investigación, sendo considerada unha referencia mundial na área da neurociencia, sen esquecer que "a súa dedicación foi fundamental na creación do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo".

Carmen Navarro, concluíu o xurado na súa argumentación "é unha muller loitadora para potenciar a investigación biomédica en Galicia e en España; vive por e para a investigación" e por todo iso, a Unidade Muller e Ciencia considerou que era a científica adecuada para recibir o IV Premio María Josefa Wonenburguer Planells.

Unha enorme honra

A galardoada agradeceu o premio: "é un gran honor recibir un premio coma este, que leva o nome dunha grande matemática que foi pioneira e unha inspiración para moitas de nos, María Josefa Wonenburger, e porque antes ca min recibírono outras científicas de grande valía", aínda que, matizou, "estou segura que hai máis mulleres que poderían telo recibido".

Carmen Navarro quixo facer partícipe deste galardón "a todo o meu equipo, porque sen el este premio non tería sido posible".

A directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo celebrou que a Unidade de Muller e Ciencia conceda un premio ás mulleres da ciencia e a tecnoloxía de Galicia porque "moitas veces non temos a visibilidade que merecemos, os homes normalmente téñeno máis fácil", concluíu.

Curriculum da premiada

Carmen Navarro estudou medicina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en neuroloxía en LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Amberes e na Columbia University de Nova York, USA.

A súa traxectoria profesional comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía, do C.H.U. de Vigo (Meixoeiro), centro de referencia para Neuropatoloxía na Comunidade Autónoma dende 1996 e de Prionopatías dende 2001, cargo que aínda ocupa hoxe.

Directora científica do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén é membro do Grupo de Traballo de Vixilancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité Institucional da Estratexia en Enfermidades Raras do SNS, por designación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ademais de profesora asociada en Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Carmen Navarro colabora en dez proxectos de investigación e realizou máis de 24 como investigadora principal, dentro e fora de España. As súas principais liñas de investigación céntranse nas enfermidades neuromusculares, as prionopatías e as enfermidades lisosomais de depósito.

Publicou mais de cen artigos, a maior parte deles internacionais, e colaborou en 21 libros.

Traxectoria de Josefa Wonenburger

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para especializarse en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades –Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)– e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Volveu á Coruña, onde reside, en 1983.

A primeira galardoada con este premio foi a científica galega Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda, a directora do Departamento de Bioquímica e Bioloxía molecular da Universidade Complutense de Madrid, a galega Teresa Miras Portugal. E na pasada edición o premio recaeu sobre María Soledad Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO).

A Unidade Muller e Ciencia

Esta unidade está integrada pola Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica, dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades, da Consellería de Educación, e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), dependente da Consellería de Economía e Industria.

A Unidade Muller e Ciencia de Galicia foi creada coa finalidade de conseguir unha maior implicación e participación das mulleres nos eidos da ciencia e da investigación, así como para favorecer unha maior visibilización das que xa desenvolven a súa actividade profesional nestes eidos.

Colectivo: