Igualdade pide á Fundación Óscar Pereiro e ao Concello de Vigo que retire os carteis publicitarios da 'Gala do Viño e da Moda' por sexistas

A Secretaría Xeral da Igualdade solicitou á Fundación Óscar Pereiro e ao Concello de Vigo a retirada dos carteis publicitarios de "La Gala del Vino y de la Moda", que patrocina o Concello, por considerar que utilizan a imaxe da muller de forma sexista.

Esta solicitude da Secretaría Xeral da Igualdade é o resultado dunha denuncia recibida na que se informaba sobre a existencia duns carteis publicitarios nos que se anuncia a celebración de 'La Gala del Vino y de la Moda' o vindeiro venres 21 de xaneiro, no que as persoas asistentes á cea presenciarán un desfile de novos deseñadores galegos no que os deseños serán maridados coa degustación de viños galegos, sendo a recadación obtida a beneficio da Asociación Española para a loita contra o cancro infantil. O acto está organizado pola Fundación Óscar Pereiro en colaboración co Concello de Vigo.

Nos referidos carteis aparece a imaxe dunha muller loira semiespida, vestida unicamente cunha sábana a modo de túnica que lle cubre a metade do torso, deixando á vista a metade da súa anatomía. Nun dos carteis, a moza aparece dentro dunha copa que se está enchendo de viño e noutro recostada sostendo un acio de uvas.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, na carta enviada ás entidades responsables, para solicitar a retirada dos referidos carteis, sinala que "a utilización da imaxe da muller neses carteis redúcea a un mero obxecto, a converte en reclamo sexual, e xeral violencia contra ela", polo que, tal como establece a Lei Xeral de Publicidade, "este tipo de anuncios constitúe unha agresión contra a dignidade feminina, ao utilizar o corpo da muller como simple obxecto, co obxectivo de promocionar produtos que nada teñen que ver coa imaxe mostrada".

Ademais, destaca a responsable de igualdade do goberno galego, "esta conduta vese agravada polo feito de que unha parte dos actos semella, tal como indican os carteis,  contar coa participación dun público infantil, máis facilmente influenciable e ao que se lle está a transmitir unha imaxe distorsionada das mulleres con claras connotacións machistas".

Por todo isto, a Secretaría Xeral da Igualdade insta á Fundación  e ao alcalde de Vigo, como colaborador na organización da citada gala, "a cumprir a lexislación vixente en materia de publicidade e polo tanto retirar tódolos carteis publicitarios deste tipo que puidesen seguir expostos". Ademais, lémbralle que "se pode captar a atención das persoas sen ter que recorrer á utilización da imaxe da muller como obxecto de consumo ou ao fomento das desigualdades entre xéneros" recomendando que no futuro o Concello "coide de maneira especial as imaxes femininas empregadas na publicidade das accións que patrocine".