11ª xornada de pais e nais Educando en Igualdade: 'Coeduca no deporte'

Nesta xornada, que tivo lugar o 2 de outubro de 2011 nas instalacións de INEF Galicia preto da praia de Bastiagueiro (Oleiros-A Coruña), quixemos transmitirlles ás nais e pais o importante labor que poden intentar realizar co fin de apoiar a libre elección e participación das súas fillas e fillos na práctica deportiva, evitando estereotipos de xénero que mediaticen a dita práctica.

De cara ao profesorado asistente, interesounos potenciar potenciar a coeducación nas clases de educación física para que se desen unhas relacións de xénero máis simétricas; para que tanto as rapazas como os rapaces se sintan a gusto nelas e teñan as mesmas oportunidades de expresarse a través do deporte.

O feito de incidir na idea de colaboración entre a institución familiar e a escolar no ámbito da educación en igualdade foi un dos puntos de referencia no desenvolvemento desta xornada; colaboración que queremos facer extensiva a todas aquelas institucións con responsabilidade en políticas de dirección e xestión no eido deportivo, de cara á promoción e organización de actividades deportivas non sexistas.

Desde a Secretaría Xeral de Igualdade, asumimos o compromiso de lle ofrecer á sociedade modelos deportivos de referencia como unha vía de superación dos estereotipos de xénero asociados ao deporte.

A educación en igualdade é o noso obxectivo, pero tamén unha cuestión de concienciación á que esperamos contribuír para así, aos poucos, conseguir que se torne en realidade.