Centro de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero

É un Centro da Rede Galega de Acollemento nos termos previstos na Lei 11/2007, do 27 de xullo para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, xestionado de maneira integral polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (adscrito á Consellería de Traballo e Benestar), e coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade. Ten como finalidade proporcionar aloxamento inmediato e de curta estancia ás mulleres e as persoas delas dependentes, que se atopen inmersas nunha situación de malos tratos e garantirlles un acollemento de emerxencia mentres se valora a súa situación e/ou se efectúa unha derivación a outro dispositivo máis axeitado.

Atención continuada e estancia máxima

O Centro de Emerxencia garante unha atención continuada ás usuarias todos os días do ano, incluídos os sábados, domingos e festivos.

A estancia máxima de permanencia do centro será de tres meses, e cumprido este prazo só se admitirá prórroga nos casos excepcionais, nos termos previstos na lexislación vixente.

A equipa
Forman parte da equipa do CEMVI

  • Directora-coordinadora
  • Avogada
  • Psicóloga
  • Traballadora social
  • Educadoras sociais
  • PSX (Persoal de Servizos Xerais)

Criterios de ingreso das usuarias e persoas delas dependentes

Admitiranse no centro de emerxencia as mulleres maiores de idade, vítimas de malos tratos físicos, psíquicos, económicos ou sexuais e as persoas delas dependentes que requiran un aloxamento inmediato e urxente ou que carezan de recursos propios para afrontar a situación. En ningún caso se admitirán varóns maiores de idade.

Non se permitirá o ingreso no centro no caso de situacións de grave dependencia física e/ou psíquica.

Para ingresar no centro de emerxencia será necesario presentar unha solicitude por parte dos CIMs, dos servizos sociais do Concello no que residan ou da entidade onde se atopen, asociacións legalmente recoñecidas e rexistradas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, Forzas e Corpos de Seguridade ou servizos sanitarios.

Coa solicitude de ingreso, será necesario acompañar a documentación seguinte:

  • DNI, NIE, libro de familia ou calquera outro documento que acrediten a identidade da muller e das persoas dependentes
  • Copia da denuncia presentada. No caso de non ter presentado denuncia, deberá interpoñela nas 72 horas posteriores ao ingreso.
  • Orde de protección, no seu caso.
  • Informe médico sobre as condicións físico-psíquicas da muller e persoas que a acompañen, así como a posoloxía da medicación, no seu caso; isto poderase suplir no ingreso provisional por unha declaración responsable da muller na que referirá as súas condicións físico-psíquicas e das persoas que dependan dela, e no seu caso, a medicación que toma.
  • Informe do servizo ou asociación que fai a proposta de ingreso, no seu caso.

*Nos documentos relacionados poden descargarse en formato .doc estes mesmos arquivos, que aquí estan en formato .odt.

Condicións especiais de acceso

As mulleres con problemas de drogadicción e/ou alcoholismo só poderán ingresar, logo da correspondente valoración, si están nun programa de deshabituación con seguimento terapéutico ou médico, debidamente acreditado por un informe do seu médico ou terapeuta. En ningún caso se permitirá a estancia no centro si existe un consumo activo de substancias e/ou alcohol.

As mulleres con trastornos mentais graves deberán acreditar, a través de informe psiquiátrico, que conservan unha capacidade funcional axeitada para a súa integración no centro. Non se permitirá o ingreso no caso de trastornos mentais graves en fase aguda, sintomatoloxía activa ou descompensada.

No caso de mulleres que padezan unha enfermidade infecto-contaxiosa, poderán ingresar sempre que acompañen informe médico no que se valoren os riscos que poidan existir para as outras persoas coas que conviva, así como a viabilidade das medidas e coidados que sexa necesario poñer en práctica.

No caso de mulleres que exerzan a prostitución será necesario que manifesten o compromiso de abandonar o exercicio activo da mesma durante a estancia no centro.

Ingreso provisorio

  • Logo da aceptación da solicitude da usuaria, tramitarase un ingreso provisorio de ata cinco días de duración, que ten por finalidade efectuar unha valoración psicosocial e elaborar un plan de intervención por parte da equipa de profesionais.
  • Ademais neste ingreso provisorio comprobarase se se produce unha adecuada adaptación ao centro por parte da usuaria e persoas delas dependentes, e se existen as condicións físicas e psíquicas e de convivencia indispensables para permanecer no centro e garantir unha correcta atención por parte do equipo de profesionais e o benestar do resto das usuarias.
  • Dentro do período de ingreso provisional, as profesionais do centro efectuarán unha valoración psicosocial; do resultado das súas deliberacións e acordos  resolverase o ingreso provisorio ben:
    • Coa saída do CEMVI e a derivación da usuaria a outro recurso máis idóneo.
    • Co ingreso definitivo no CEMVI.

Datos de contacto
centro.de.emerxencia@igualdadebenestar.org
Teléfono: 661 402 702
Fax: 881 971 258