Axudas para a realización de programas de actividades complementarias e extraescolares

19 de maio de 2011. O Diario Oficial de Galicia publica o 1 de setembro de 2010 a resolución do 27 de agosto de 2010 pola que se establecen as bases e se convocan axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado e nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, durante o período comprendido entre o 1 de setembro de 2010 e o 30 de xuño de 2011.

Obxecto

Poderán ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a organización e xestión da realización de actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria. Estas actividades deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Dirixirse obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados nos que polas características do contexto ou do centro docente sexa imposible acadar o mínimo establecido.
  • Desenvolverse, fóra do horario lectivo, durante o curso escolar e nas dependencias do centro, entre un mínimo dunha hora e un máximo de dúas horas diarias.
  • Fomentar o desenvolvemento integral das persoas e a igualdade entre os xéneros feminino e masculino.
  • Centrarse, fundamentalmente, en aspectos lúdicos, artísticos, culturais (teatro, danza, música, pintura, etc.), tecnolóxicos e deportivos.

Queda expresamente excluída desta convocatoria a prestación do servizo de comedor.

Beneficiarios/as

As asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Requisitos

Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación

De 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil.

Estado de tramitación: 
Resolta