Estás en: Inicio / Contra a violencia / Que é a violencia de xénero?

 

Que é?

Trátase dunha violencia que afecta ás mulleres polo mesmo feito de selo.

Constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres, independentemente do ámbito no que se produza.

Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Diferentes conceptos

Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia.  En todos os casos de violencia as vítimas pasan por un gran sufrimento e todas elas requiren coidado e atención, e todas as persoas agresoras son merecedoras da súa correspondente sanción penal; non obstante, cada tipo de violencia ten as súas peculiaridades. Pretender que toda violencia é igual impide que a violencia de xénero sexa comprendida adecuadamente e poida ser combatida eficazmente.

Se te sentes identificada con algunha das seguintes manifestacións, estás sendo vítima de maltrato

Sexan cales sexan as formas en que se manifesta o maltrato, sempre busca un mesmo obxectivo: erosionar a autoestima da muller con fin de que o agresor aumente o seu  grao de poder e control sobre ela.

Hai moitas formas de violencia contra as mulleres, aquí achegamos algunhas indicacións para poder identificalas.

Por que a tantas mulleres lle resulta difícil saír dunha situación de violencia de xénero

O maltrato é un proceso cíclico que se inicia pouco a pouco, como un goteo de pequenos episodios que parecen insignificantes pero que non o son.

Como repercute o maltrato na saúde da muller que a sofre

Cando fronte aos repetitivos episodios de violencia, e considerando que a situación non vai cambiar, a muller adopta unha actitude pasiva por medo e para evitar que se produza unha nova agresión, incluso maior, cara a ela ou cara aos seus seres queridos, estamos ante o "síndrome da muller maltratada".

Tratamento

É habitual que ata que a muller tome a decisión definitiva de saír dunha relación violenta, pase por un período de reflexión e incluso manifeste varias tentativas. Durante este proceso quizais xa solicite axuda terapéutica, ou non.

Recomendacións ante unha situación de maltrato

Lembra que ningunha muller debe permanecer nunha relación na que non se sinta respectada como persoa nin se lle recoñeza como igual.

Podes buscar axuda nos Centros de Información ás Mulleres e asociacións especializadas que che informarán e apoiarán nas actuacións que debes levar a cabo.

Actuacións cando se produce unha agresión

Ademais de seguir as medidas do plan de seguridade, se sofres unha agresión é necesario que realices algunhas actuacións que serán de gran utilidade nos procedementos xudiciais, penais ou civís, que inicies con posterioridade. A maioría destas actuacións tenden a que quede probada a realidade da agresión e outras teñen como finalidade a túa protección.

Como se acredita unha situación de violencia de xénero

Para os efectos da Lei 11/2007, galega para prevención e tratamento integral da violencia de xénero, a situación de violencia acreditarase por calquera das seguintes formas:

  • Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
  • Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.
  • Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración publica autonómica ou local.
  • Certificación dos servizos de acollida da Administración publica autonómica ou local.
  • Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
  • Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
  • Calquera outra que se estableza regulamentariamente.