"Mulleres en Galicia" é a nova páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe o novo sitio web do seu departamento, un portal que non quere limitarse a ser un espazo institucional senón que aspira a converterse nun punto de encontro para todas as persoas, mulleres e homes, que viven na nosa comunidade autónoma, e que están interesadas en conseguir unha sociedade máis igualitaria na que teñamos as mesmas oportunidades respectando as nosas diferenzas.

Multimedia

Marta González explicou que o nova web "nace co obxectivo de ser unha ferramenta útil para todas as persoas" para que nela "poidan encontrar toda a información da secretaría xeral da igualdade" pero tamén "todo tipo de información que lles poda ser de interese" dende o eido da igualdade, da cultura, da empresa, do deporte ou da saúde, e ademais un lugar onde poidan encontrar abundante información sobre publicacións, estudos, estatísticas, relacionados coa situación das mulleres na nosa comunidade autónoma e no mundo.

O sitio está estruturado en tres eixos principais, unha parte destinada a área de igualdade da Xunta de Galicia, situada na parte superior da páxina, na que se pode encontrar toda a información sobre este departamento da Xunta, como contactar, as áreas de actuación, os programas, as axudas, as convocatorias, en definitiva, todos os recursos que a área de igualdade da Xunta pon a disposición de mulleres e homes.

Unha segunda parte, situada no lado esquerdo do sitio, que pretende informar sobre todos aqueles asuntos relacionados coa igualdade e coas mulleres que poidan interesar ás usuarias. Organizada en varios temas, e cunha linguaxe máis próxima que a linguaxe institucional, proporciona información sobre varias temáticas de actualidade, como a violencia de xénero en termos globais, o papel cada vez máis destacado das mulleres na cultura, no deporte, na historia, na ciencia e tamén o papel dos homes en prol da igualdade.

A sala de prensa

O terceiro grande bloque desta páxina, no lado dereito da mesma, está destinado á documentación, cunha biblioteca de recursos sobre igualdade, tanto no ámbito galego como fóra del; o enlace ao Directorio de Mulleres Expertas, no que hai información e datos para contactar con mulleres que viven en Galicia e que destacan pola súa actividade ou coñecemento en moi diferentes materias; ou o Observatorio da Publicidade, que indica como calquera cidadán pode denunciar a publicidade que considere sexista.

En www.mulleresengalicia.es tamén hai unha Sala de Prensa, onde os medios de comunicación poden encontrar, ademais das informacións que xenera a propia secretaría xeral, noticias externas que teñen como protagonistas a mulleres ou temática que lles afecta dun xeito especial. Ademais de información sobre como eliminar o uso da linguaxe sexista nos textos dos medios de comunicación e da administración pública, con exemplos sinxelos e prácticos, proporciónase tamén información sobre as mulleres nos medios de comunicación, unha galería de imaxes que conta cunha ferramenta para ampliar as fotografías, o que permitirá utilizar esas fotos para súa publicación, e unha axenda na que, ademais de informar sobre as actividades da área de igualdade, se inclúen outros eventos de interese.

Accesibilidade e fácil navegación

Esta nova web, a diferenza da anterior, ten importantes novidades no aspecto técnico: conta cun buscador de palabras, para facilitar ás usuarias a localización dos contidos, e cunha taxonomía para o etiquetado das unidades de información por área temática, departamento, colectivo e feitos vitais, o que permite filtrar novas, eventos de axenda, axudas ou programas. Ao pé de cada noticia aparece referenciada a taxonomía e pinchando en cada unha delas podemos ver toda a información existente sobre esa mesma temática.

O sistema de subscrición RSS facilita a posibilidade de recibir información sobre a actualización do sitio web en relación a calquera das temáticas que sexa de interese, e á que nos teñamos subscrito. Ademais, para facilitar a navegación dentro do sitio, en cada información hai elementos relacionados, ligazóns externas e documentos de interese.

O sitio web Mulleres en Galicia garante a accesibilidade de todas as persoas aos seus contidos, independentemente de factores como a idade ou a discapacidade. A accesibilidade web permite que persoas con algún tipo de discapacidade poidan facer uso da web, incluíndo problemas visuais, auditivos, físicos, cognitivos, neurolóxicos e da fala. Ao falar de accesibilidade web faise referencia a un deseño web que vai permitir que estas persoas poidan percibir, entender, navegar e interactuar coa web sen ningún problema.