Convocadas as axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada laboral

O Diario Oficial de Galicia fai pública a resolución pola que se regulan as bases para a concesión das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo.

A Secretaría Xeral da Igualdade establece esta axuda como medida de fomento da corresponsabilidade e co fin de impulsar o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e coidado dos seus fillos e fillas. Está destinada a aqueles traballadores que se acollan a unha redución da súa xornada de traballo, motivada pola atención e coidado dos seus fillos e fillas menores de tres anos, e comprende tamén a situación das familias monoparentais.

A través desta resolución establécense as bases reguladoras do procedemento mediante convocatoria pública para a concesión destas axudas, que serán pola modalidade de pagamento único. O importe destinado ás mesas ascenderá como máximo a 570.323 euros.

As solicitudes de axuda á redución de xornada poderán presentarse dende o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e ata o 31 de agosto de 2009.

Obxecto e persoas beneficiarias

O obxecto desta resolución é a regulación do réxime de concesión de axudas económicas a aqueles traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, así como a convocatoria destas para o ano 2009.

As axudas serán concedidas aos traballadores que, entre o 1 de setembro de 2008 e ata o 31 de agosto de 2009, se atopen nunha situación de redución da xornada de traballo de ata un máximo da metade da duración daquela para o coidado dun/dunha fillo/a menor de 3 anos.

O tempo máximo polo que se poderá conceder a axuda á redución de xornada para fomento da corresponsabilidade será de 8 meses ininterrompidos e o tempo mínimo de duración da redución de xornada deberá ser de 60 días naturais ininterrompidos.

Poderán ser beneficiarios das axudas:
Homes traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social, que se acollan á redución de xornada a que se alude no artigo 2º desta resolución.

Familias monoparentais en que a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada a que se alude no artigo 2º desta resolución.

Contía das axudas

  • A contía desta axuda concederase a través dun pagamento único e estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses. Deste xeito, as contías son as seguintes:
  • Cando a redución de xornada sexa de ata o 33% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
  1. 2.400 euros se é a/o primeira/o filla/o.
  2. 2.700 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
  3. 3.000 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se son trillizas/os.
  • Cando a redución de xornada sexa superior ao 33% e ata o 40% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
  1. 2.700 euros se é a/o primeira/o filla/o.
  2. 3.000 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
  3. 3.300 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se son trillizas/os. 
  • Cando a redución de xornada sexa superior ao 40% e ata o 50% da xornada laboral e a súa duración sexa polo tempo máximo de 8 meses:
  1. 3.000 euros se é a/o primeira/o filla/o.
  2. 3.300 euros se é a/o segunda/o filla/o ou se son xemelgas/os.
  3. 3.600 euros se é a/o terceira/o filla/o ou se son trillizas/os. 

Nota: na documentación adxunta podes descargar os formularios para a presentación das solicitudes.

Colectivo: