Feijóo sinala ás mulleres como o “outro facho” que, xunto á emigración, alumeou o rexurdimento galego

"Galicia foi tanto unha Patria como unha Matria", afirmou o presidente galego, quen lembrou a mulleres que "interpretaron o sentir dun pobo", como Rosalía de Castro; "loitaron polos dereitos dos esquecidos", como Concepción Arenal; e "romperon vellos tabús", como Emilia Pardo Bazán.

Destaca que, grazas ao traballo de mulleres como a profesora Rey, hoxe hai "unha historia en feminino singular e plural".

Multimedia

Santiago, 28 de setembro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou ás mulleres como o "outro facho" que, xunto á emigración, alumeou o rexurdimento galego. "Mulleres que interpretaron o que sentía todo un pobo, como Rosalía. Mulleres que loitaron polos dereitos dos esquecidos, como Concepción Arenal. Mulleres que romperon vellos tabús, como Emilia Pardo Bazán", enumerou.

O titular do Goberno galego presidiu o acto de entrega do premio Josefa Wonenburger 2011 á catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Ofelia Rey, e salientou que Galicia "foi tanto unha Patria como unha Matria". "Foino antes e tamén o é na actualidade, grazas a mulleres anónimas e mulleres coñecidas como Ofelia Rey", engadiu.

Así, Feijóo felicitou á catedrática e gabou a súa achega como investigadora. "Cento setenta ano despois de que Concepción Arenal tivera que entrar disfrazada nas aulas, o protagonismo histórico da muller xa non precisa de disfraz algún", sinalou, "Hai unha historia en feminino singular e plural, debido ao traballo de investigadoras coma a que hoxe recibe a nosa calorosa ovación”".

Neste sentido, o presidente galego recordou que a Unidade Muller e Ciencia de Galicia comparte as inquedanzas de Ofelia Rey por "demoler ese outro muro que esconde o protagonismo feminino na nosa historia e no noso presente". "Velaí tamén o obxectivo da Unidade Muller e Ciencia. Desvelar, recoñecer, loubar traxectorias que moitas veces discorren en silencio, lonxe dos focos e dos aplausos", explicou.

"Porque eu creo que o gran pecado dos homes que non souberon entender o papel das mulleres, non foi soamente negarlles o acceso aos dereitos humanos, sociais e políticos, senón ocultar o seu papel na historia", concluíu.