Igualdade clausurou en Portugal a exposición "Mulleres no obxectivo", un percorrido pola vida laboral das mulleres

A mostra, que recolle fotografías de 23 fotoxornalistas galegos/as que nos achegan ao día a día das mulleres no seu traballo ao longo da historia, está percorrendo os distintos concellos de Galicia e fixo unha escala en Portugal.

  • Igualdade clausurou en Portugal a exposición "Mulleres no obxectivo", un percorrido pola vida laboral das mulleres
  • Igualdade clausurou en Portugal a exposición "Mulleres no obxectivo", un percorrido pola vida laboral das mulleres

Póvoa de Lanhoso (Portuugal), 13 de maio de 2011.- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, a concelleira da Muller do concello de Póvoa de Lanhoso, Fátima Moreira, e o vicepresidente da Comissâo para a Cidadania e Igualdade de Género de Portugal, Manuel Albano, clausuraron hoxe na localidade lusa de Póvoa de Lanhoso a exposición "Mulleres no Obxectivo", que organizou o departamento de igualdade da Xunta de Galicia, no marco do proxecto europeo de dinamización dos centros de información ás mulleres, denominado REDECIM.

O proxecto REDECIM, no que participan a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, a Comissâo para a Cidadania e Igualdade de Género de Portugal, e a Dirección General de la Mujer da Junta de Castilla y León,  ten como obxectivo a promoción de redes de intercambio de información, experiencias, resultados e boas práticas dos diferentes modelos de centros de información ás mulleres dos territorios participantes.

A exposición, comisariada por Belén Fortes e que se inaugurou en Santiago de Compostela con motivo do Día Internacional da Muller, percorreu diferentes concellos galegos antes de chegar a Portugal. Agora, a mostra seguirá o seu percorrido por outros concellos da nosa comunidade ata rematar o ano.

Na súa intervención, a secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia que ten  a cooperación transfronteiriza en materia de igualdade, xa que "é moi positivo compartir experiencias e optimizar recursos".

A responsable de igualdade do goberno galego resaltou a necesidade de visibilizar a evolución da sociedade, e en particular o traballo das mulleres, ao longo de distintas épocas, e ver como evolucionaron os roles sociais atribuídos a homes e a mulleres, que aínda que van desaparecendo, manteñen a súa pegada no mercado laboral actual.

Marta González destacou que "a imparable participación das mulleres no mercado laboral supón tanto unha garantía para a súa independencia económica, empeño irrenunciable para acadar unha sociedade desenvolvida, como unha contribución substancial ao desenvolvemento económico e ao mantemento dos sistemas de protección social".

A secretaria xeral  lembrou que nestes tempos de crise económica "as mulleres son as máis afectadas, polos contratos precarios ou polos salarios máis baixos", e por iso, dixo, "é crucial seguir incorporando a igualdade de xénero ao conxunto das políticas sociais e de emprego", poñendo en marcha, "medidas destinadas a favorecer a incorporación e permanencia igualitaria das mulleres ao mercado laboral", xa que a realidade actual evidencia que "é preciso continuar incidindo nese ámbito".

Marta González sinalou que "a igualdade entre mulleres e homes non é so un obxectivo en si mesmo, tamén é unha condición previa para cumprir os obxectivos globais da UE para o crecemento, o emprego e a cohesión social".

A evolución das mulleres

"Mulleres no obxectivo" é unha exposición colectiva de 23 foto-xornalistas galegos que trata de sacar á luz, desde unha óptica de normalidade e respecto, as imaxes que nos achegan ao día a día das mulleres e á súa relación cotiá co traballo ao longo da historia, e á conciliación da vida laboral e familiar.

Dentro da mostra,  inclúese a peza audiovisual "Mulleres XX", sobre as mulleres galegas e o traballo. Esta peza, que toma o nome do cromosoma feminino, amosa ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, ás primeiras redeiras, ás mestras, ás lavandeiras, ás médicas, ás xornalistas, etc… dende o pasado ata a actualidade.

Ademais, o vídeo, que ten como eixo temático a progresión da mulleres en distintos postos laborais ata chegar ao momento actual, conta con testemuñas e valoracións deste camiño percorrido realizadas por mulleres de recoñecido prestixio polo seu traballo en distintos campos da actividade económica, intelectual ou social.

Nesta exposición, ademais dos e das fotoxornalistas, que participaron cedendo as súas obras, colaborou tamén o Centro Galego de Artes da Imaxe, dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, e o Museo ANFACO da Industria Conserveira.