Igualdade convoca axudas para realizar estudos e programas no eido das universidades e dos organismos públicos de investigación

Estas axudas teñen como obxectivo actuacións no eido da igualdade de oportunidades nos grupos de investigación e nos centros do sistema universitario galego. Nesta convocatoria de 2011, as universidades recibirán axudas por valor de 375.000 euros e os organismos públicos de investigación 85.000 euros.

A Secretaría Xeral da Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas e subvencións para o apoio á execución de programas sobre igualdade no ámbito universitario e dos organismos públicos de investigación para este ano 2011, que conta cun orzamento de 460.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo (FSE), que se verá posteriormente ampliado con incorporacions remanentes procedentes doutras convocatorias.

Estas axudas teñen por obxecto a realización de actuacións específicas de igualdade de oportunidades nos centros de investigación e grupos de investigación do sistema universitario galego (SUG), promovendo a creación e o mantemento de centros, oficinas, cátedras e unidades de xénero ou a realización de cursos e actividades específicas neste eido e nos entes de dereito público e fundacións públicas da Comunidade Autónoma galega que se dediquen á investigación, sempre que eses programas ou actuacións se leven a cabo a través da colaboración de diferentes departamentos ou áreas universitarias ou organismos de investigación.

As subvencións están dirixidas ás universidades públicas do sistema universitario galego e entes de dereito público da Comunidade Autónoma Galega que se dediquen á investigación sobre cuestións de xénero e/ou a proxectos de estudo e investigación nos que se integre a perspectiva de xénero.

As tres universidades galegas recibirán axudas por valor de 375.000 para 2011, para a creación e mantemento de unidades, oficinas, centros ou cátedras de xénero, para a realización de cursos de posgrao, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero, e para a realización e difusión de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero e/ou que integren unha perspectiva de xénero.

Os organismos públicos de investigación, constituídos por entes de dereito público ou fundacións públicas da comunidade autónoma, recibirán 85.000 euros en axudas para actividades das mesmas características.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de maña, martes 25 de xaneiro, e as subvencións serán para programas que se desenvolvan entre o 1 de outubro de 2010 e o 30 de setembro de 2011.

Estas axudas, que recoñecen e premian o esforzo na obtención de resultados de calidade, concédense en base ao compromiso de desenvolver un programa que teña en conta, e como obxectivo principal, temas relacionados coa igualdade de oportunidades e as problemáticas actuais das mulleres, contemplándose a súa renovación en función do cumprimento dos obxectivos fixados.

Tanto os proxectos de investigación como os cursos, actividades ou xornadas, deben enmarcarse dentro dunhas áreas prioritarias, coma son as políticas públicas, a igualdade entre mulleres e homes na vida económica, a participación na toma de decisións, a promoción da calidade de vida das mulleres, o fomento da igualdade na sociedade civil, a transmisión de valores e actitudes igualitarias, a conciliación da vida familiar, persoal e laboral das mulleres, a cooperación, a violencia de xénero e a prostitución, os colectivos de mulleres en risco de exclusión social, a igualdade na aplicación da lei ou a situación (pasado, presente e futuro) das mulleres en Galicia.

Estas axudas enmárcanse dentro da liña de acción do eixo 2/69 e 3/72 do Programa operativo do Fondo Social Europeo 2007/2013, a través da cal se pretenden promover reformas que fomenten a empregabilidade nos procesos de educación e formación universitaria e a investigación a través da implementación de políticas de igualdade nestes eidos.

Para isto, preténdese crear redes de colaboración, co obxectivo de implicar na aplicación destas políticas ao maior número posible de departamentos, áreas universitarias e organismos de investigación.

Deste xeito, dende a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, quérese fomentar a empregabilidade cuantitativa e cualitativamente, a través da aplicación na investigación e no ensino superior da igualdade de oportunidades por medio de centros específicos de igualdade, actuacións concretas e estudos sobre o referido eido.