Igualdade e Consumo renovan o acordo para reeditar o programa 'Consumo e Xénero'

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a presidenta do Instituto Galego de Consumo, María Nava Castro Domínguez, adscrito á Consellería de Economía e Industria, da Xunta de Galicia, asinaron hoxe un acordo para volver a realizar o programa Consumo e Xénero, que acadou tanto éxito entre as asociacións de mulleres o ano pasado, e que tiña como finalidade profundar na reflexión e a análise da perspectiva de xénero vinculada ás relacións de consumo.

  • Igualdade e Consumo renovan o acordo para reeditar o programa 'Consumo e Xénero'
  • Igualdade e Consumo renovan o acordo para reeditar o programa 'Consumo e Xénero'

A Secretaría Xeral da Igualdade e o Instituto Galego de Consumo van destinar 60.000 euros, 30.000 cada un, para o desenvolvemento deste acordo, que ten por obxectivo informar ás mulleres sobre os seus dereitos como consumidoras, e darlles as ferramentas necesarias para desenvolver prácticas de consumo máis racionais e responsables,  xa que a integración do enfoque de xénero no ámbito do consumo é indispensable na formación se sé pretende lograr un cambio social ou un achegamento á igualdade de xénero.

No 2009, ambos organismos desenvolveron un programa piloto dirixido a asociacións de persoas consumidoras e amas de casa, que, unha vez avaliado moi favorablemente,  vai teña continuidade e difusión, nesta ocasión noutros colectivos de mulleres.  Por todo elo, o Instituto Galego de Consumo e a Secretaría Xeral para a Igualdade decidiron asinar un novo acordo que permitirá  programar novas actividades formativas conxuntas para reflexionar sobre como inflúen as relacións de xénero nos actos de consumo.

Este novo acordo, ten por obxecto desenvolver un programa de actuacións formativas, dirixido aos distintos colectivos de mulleres participantes, en particular do mundo rural, coa meta de analizar o papel actual das mulleres no ámbito do consumo. Ademais, o programa de actividades busca obxectivos mais precisos, como a mellora das actitudes de respecto aos dereitos das persoas; a reflexión e a análise dos procesos que sustentan a actividade de consumo e como inflúen nas relacións de xénero; a análise do papel da publicidade na perpetuación dos estereotipos sociais na ‘cosificación’ das mulleres e na incitación á violencia de xénero; ou a educación nos valores do consumo responsable.

Catro talleres

O ano pasado participaron vinte asociacións de mulleres, seis da provincia de Pontevedra, cinco de Lugo, cinco de A Coruña, e catro de Ourense. Este ano serán 45 e obxectivo prioritario serán as mulleres do rural.

Realizarase unha xornada de formación con cada asociación. Cada unha terá unha duración de catro horas e estruturarase nunha sesión de catro obradoiros que se desenvolverán de forma rotativa para 40 persoas, contando cada obradoiro con 10 alumnas. Cada obradoiro abordará un tema diferente: o primeiro abordará a violencia na publicidade e particularmente a violencia de xénero, así como a repercusión sobre a nosa percepción da violencia que propón a publicidade e a perda do significado real de violencia de representación.

No segundo taller do día falarase sobre a diferenza entre sexo e xénero, as diferenzas na socialización a través da linguaxe, os hábitos de consumo na familia, a educación e os medios de comunicación. Así mesmo tratarase da responsabilidade das mulleres como consumidoras no eido da familia.

A seguir farase un percorrido polos dereitos das persoas consumidoras, e o labor das asociacións dende a perspectiva de xénero.

E no último taller do día se falarase sobre ¿ónde traballan as mulleres? Comparación da situación laboral de homes e mulleres. Alternativas e axudas: Políticas de igualdade: igualdade formal e igualdade real. Ocultismo da muller; medidas de conciliación e bancos de tempo. Cooperativas de mulleres = desenvolvemento sostible.

Estas xornadas serán desenvolvidas pola comisión mixta que se creou a raíz do convenio e que está formada por persoas cualificadas tanto da Secretaría Xeral da Igualdade como da Escola Galega de Consumo. Esa comisión, ademais de impulsar as actividades e realizar o seu seguimento, realizará una avaliación das mesmas.