Igualdade pide respecto á vítima e á súa familia no tratamento informativo do crime de Sober

Ante o tratamento dado nos últimos días nos medios de comunicación ás noticias relacionadas co denominado "crime de Sober", a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia vese na obriga de apelar á responsabilidade de xornalistas e responsables dos medios de comunicación, no que se refire ao dereito e á dignidade da vítima e da súa familias.

Non podemos esquecer que non só unha muller foi asasinada, senón que hai un neno orfo e unha familia que perdeu a unha das súas compoñentes, sendo a actual unha situación dolorosa e mesmo humillante para eles, que ven como o home recen absolto do crime cometido hai tres anos se converte nun personaxe para os medios de comunicación.

A Secretaría Xeral de Igualdade quere apelar aos medios de comunicación para que fagan un esforzo aínda maior á hora de informar sobre casos coma este, evitando culpar ás vítimas e causar maior dor ás familias. Os tratamentos sensacionalistas son incompatibles co rigor xornalístico e, en particular, coa sensibilidade que require a información sobre a violencia contra as mulleres. É preciso deixar fóra destas noticias todos os elementos que favorecen o morbo e que non aportan datos de interese.

Por todo elo, o departamento de igualdade da Xunta de Galicia solicita aos medios de comunicación que no tratamento informativo sobre o crime de Sober, teña en conta a vítima e a súa familia.