Igualdade reivindica o papel da muller na historia de Galicia a través da figura de Rosalía, Pardo Bazán e Concepción Arenal

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou nunhas xornadas con motivo da celebración do Día Internacional da Muller

  • Susana López Abella na xornada do Día da Muller
  • Susana López Abella na xornada do Día da Muller
  • Susana López Abella na xornada do Día da Muller

Vigo, 8 de marzo de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá nunha xornada sobre “Muller, sociedade e dereito a través da historia”, enmarcada na celebración do Día Internacional da Muller.

O acto, ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, reuniu na cidade olívica a diversos estudosos e expertos para debater sobre a aportación feminina ao longo da historia.

A secretaria xeral da Igualdade reivindicou o papel da galega como unha muller “traballadora, valente e polivalente, sen medo a nada”, e subliñou a importancia de xornadas coma esta xa que coñecer o papel da muller ao longo da historia permite “poder entender o noso presente e avanzar no noso futuro”.

Susana López Abella quixo enmarcar o labor de todas e cada unha das mulleres na figura de persoeiras senlleiras como son Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Todas elas representan a loita feminina ao longo da historia e forman parte do noso patrimonio histórico.

Precisamente de Rosalía de Castro, a secretaria xeral da Igualdade salientou a súa firme defensa dos dereitos das mulleres e a reivindicación que fixo do papel feminino nun momento histórico moi complicado para as mulleres.

Tamén Concepción Arenal tivo que enfrontarse aos códigos socialmente establecidos e mesmo tivo que “disfrazarse” de home para poder asistir á universidade.

Mentres, Emilia Pardo Bazán, foi firme na súa reivindicación de que as mulleres ocuparan espazos públicos e realizou unha forte aposta pola educación da muller como o principal instrumento para a súa independencia.

A traxectoria vital destas tres figuras indiscutibles son, segundo López Abella, a proba irrefutable de que “Sen mulleres non hai Galicia”.