Lorenzana ve na celebración das Medallas Pardo Bazán en Meirás un gran paso para recuperar o significado das torres e asocialo coa palabra que inspira a vida da escritora: liberdade

A Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, entregou estes galardóns, cos que se recoñece o labor a prol da igualdade para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade

As galardoadas coas Medallas Emilia Pardo Bazán foron María Jesús Díaz Sánchez, fundadora e presidenta ata o seu falecemento en 2009 de Alar Galicia; Zaza Ceballos, produtora e directora de cine e unha das mulleres pioneiras no sector do audiovisual; e a Asociación Mirabal, presidida por Ana Saavedra e que leva máis de 10 anos prestando atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero

Multimedia

Lorenzana ve na celebración das Medallas Pardo Bazán en Meirás un gran paso para recuperar o significado das torres e asocialo coa palabra que inspira a vida da escritora: liberdade
Sada (A Coruña), 16 de setembro de 2021.-
 
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, eloxiou as galardoadas na terceira edición das Medallas Emilia Pardo Bazán e reivindicou durante a entrega destes premios o Pazo de Meirás como espazo de liberdade.
 
“Nun día coma hoxe devolvémoslle ás Torres de Meirás o seu carácter de símbolo do saber, da cultura, da tolerancia. Dámoslle voz ás voces que quedaron silenciadas durante demasiado tempo e traemos voces, vidas e legados actuais que nos impulsan a non cesar nesa loita que abandeirou Emilia Pardo Bazán”, dixo.
 
Lorenzana Somoza, no acto celebrado no emblemático Pazo de Meirás, comezou a súa intervención mostrando o pesar do Goberno galego polo que parece ser un novo crime de violencia machista, o da muller asasinada en A Coruña a pasada noite e polo que reiterou a “firme condena ante calquera tipo de violencia de xénero, unha lacra contra a que a sociedade debe loitar con unión e decisión”.
 
A conselleira eloxiou o labor e o traballo das premiadas a prol da igualdade para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade, tal e como se recoñece nas bases destes galardóns, que son mostra dunha sociedade “libre” e que recordan a unha muller, Dona Emilia Pardo Bazán, que “tiña unha incansable capacidade que axudou a derrubar os muros que entón encerraban a condición feminina”.
 
Nesta liña, e sobre as premiadas, resaltou que a Fundación Alar Galicia mantén vivo o espírito de Marijé Diaz, que foi capaz de remover e activar moitas conciencias: “Fixo da liberación da muller moito máis que un slogan afortunado, entendendo que non había liberación sen unha autonomía plena e sen unha denuncia radical das violencias machistas”, recordou.
 
Da produtora, escritora e directora de cine Zaza Ceballos González-Llanos destacou a súa traxectoria, sen a cal non se entende o esplendor do audiovisual galego. “A ela debémoslle películas que enxalzan figuras como Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Juana de Vega e, por suposto, Emilia Pardo Bazán”, salientou.
 
E no que respecta á Asociación Mirabal, destacou o seu labor desde hai xa dez anos prestando atención integral e acompañamento ás mulleres vítimas de violencia de xénero, con asesoramento xurídico, axuda na tramitación de expedientes ou atención a menores.
 
A conselleira de Emprego e Igualdade concluíu a súa intervención recordando a figura de Emilia Pardo Bazán que empregou a escritura, a oratoria, a conversa e unha incansable capacidade para incentivar proxectos culturais e sociais que axudaban a derrubar os muros que entón encerraban á condición feminina. “Dela pode afirmarse que, ademais de ser primeira en tantas cousas, logrou que houbese segundas, terceiras, cuartas e unha inmensa lexión de mulleres que se incorporaron á gran tarefa que ela iniciou”, gabou.

Desde 2019

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes. Poden ser destinatarias das medallas persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado que coa súa traxectoria ou labor contribúan no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Cada ano outórganse tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico.

Coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase, polo tanto, un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva. A concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicativo da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.