Máis de 120 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia realizarán cursos de defensa propia

En total impartiranse dez cursos, de 12 horas cada un, nas cidades de Monforte, Vilalba, Verín, O Barco, Cangas, Moaña e Ponteareas. As mulleres recibirán clases teóricas e prácticas, nas que aprenderán tácticas ofensivas e defensivas en diferentes circunstancias. En 2010, ditáronse 1.365 ordes de protección e medidas cautelares, concedéronse 369 axudas periódicas a mulleres, a maioría españolas, sen fillos e entre 36 e 40 anos de idade, por un importe de 1.741.127. O programa de atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero atendeu en 2010, a 376 mulleres, 129 menores e 4 persoas dependentes. Abramos o Círculo tratou a 64 homes, 16 máis que en 2009.

  • Máis de 120 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia realizarán cursos de defensa propia
  • Máis de 120 mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia realizarán cursos de defensa propia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe unha nova edición dos cursos de autoprotección para mulleres vítimas de violencia de xénero que impartirá o Sindicato Unificado de Policía en colaboración co departamento de igualdade da Xunta de Galicia.

Na rolda de prensa, na que tamén estiveron presentes o portavoz do Sindicato Unificado da Policía, José Freire, e un dos instructores do curso, Alejandro Gómez, a secretaria xeral da Igualdade explicou que a boa acollida que estes cursos tiveron o ano pasado, tanto en número de participantes, 79, como na boa acollida que tiveron entre as mulleres “levounos a repetir a experiencia”.

Un dos obxectivos destes cursos, dixo González,  “é que a vítima asuma que ela mesma pode contribuír á súa seguridade e que certas normas e costumes poden marcar a diferenza ante un intento de agresión”. Ademais, “tamén queren servir para reforzar a autoestima e a confianza das mulleres, encargándose de formalas e instruílas axentes responsables da súa protección”.

Os cursos dan ás participantes a posibilidade de tomar conciencia das súas propias posibilidades e límites. Deste xeito, o pensamento positivo “nin el é tan forte, nin eu tan débil” promove unha actitude mental máis determinada ante unha situación de risco. A maiores, o contacto con outras mulleres inmersas en circunstancias similares nun ambiente distendido e novo para a maioría delas, “crea lazos de retroalimentación positiva sobre elas mesmas”, mencionou a secretaria xeral.

En total, a partir de marzo de 2011 realizaranse dez cursos, un en cada unha das localidades elixidas tendo en conta o número de ordes de protección en vigor neses concellos, e que son: Ribeira, Arteixo e Ames, na provincia de A Coruña; Monforte e Vilalba, na provincia de Lugo; Verín e O Barco, na de Ourense; e Cangas, Moaña e Ponteareas, na de Pontevedra.

Cada curso terá unha duración de 12 horas e en cada un participarán entre 12 e 15 mulleres. As interesadas poderán apuntarse no Centro de Información as Mulleres (CIM) da súa localidade, a excepción do Concello de Ames, no que o rexistro farase nos Servizos Sociais do Concello.

Teoría e práctica

Os cursos contan cunha parte teórica, que se intercala coa práctica no desenvolvemento das clases dunha forma dinámica e participativa. Na área teórica, infórmase ás mulleres sobre cal son os seus dereitos, cal é o proceso que se pon en marcha desde o momento da solicitude dunha orde de protección, e cales son as competencias de cada administración nesta materia.

A parte práctica ten como obxectivo que as mulleres se impliquen na súa propia seguridade, e para iso, os funcionarios e funcionarias do Corpo Nacional de Policía que imparten os cursos ensinarán ás mulleres as técnicas e tácticas de defensa persoal adaptadas á especial situación das mulleres en diferentes circunstancias.

Aprenderán técnicas ofensivas, como golpes de puño, de cotobelos, de pernas, inmobilizacións, ou o uso de obxectos cotiás en técnicas ofensivas, como chaves, paraugas, etc...

Na área das técnicas defensivas, aprenderán a bloquear, a esquivar, a estar en garda e tamén a usar obxectos para defenderse, como cadeiras. Ademais, serán presentadas tácticas de defensa propia a aplicar en diferentes supostos, coma poden ser agresións no domicilio, agresións a terceiras persoas (menores), agresións sexuais, agresións con obxectos perigosos, etc...

Outro dos eidos nos que se traballará será no desenvolvemento de medidas de seguridade e autoprotección en lugares como os colexios, os postos de traballo, os domicilios propios ou de familiares, ou os desprazamentos a pé, en coche ou en transporte público.

A violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade tamén facilitou algúns dos datos sobre a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero que se prestou dende a Secretaría Xeral da Igualdade no ano 2010.

En 2010, en Galicia ditáronse 1.365 ordes de protección e medidas cautelares, segundo datos do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP). Esta cifra de 1.365 ordes ditadas supón unha diminución en 331 respecto ao ano anterior. E unha vez máis A Coruña, seguida de Pontevedra, son as provincias onde mía ordes de protección se dictaron.

Ademais, en Galicia en 2010 instaláronse por decisión xudicial 23 pulseiras electrónicas de control a maltratadores e desinstaláronse 7, polo que estaban activas a finais de 2010 16. A provincia de A Coruña e a que máis tiña, con 6, seguida de Pontevedra e Lugo con 5 cada unha, e en Ourense non había a 31 de decembro de 2010 ningunha pulseira activa.

No que se refire ás axudas periódicas a mulleres que sofren violencia, o chamado "salario da liberdade", concedéronse 369 axudas a mulleres por un importe de 1.741.127 euros, despois de realizar dúas ampliacións de crédito, a cifra máis elevada dende que esta axuda foi creada no ano 2006, e por primeira vez os pagos están ao día e non se xeraron novos retrasos.

Por nacionalidade, as mulleres españolas foron as que máis a recibiron, seguidas moi de lonxe de mulleres de orixe portuguesa e brasileira. O 37,7 por cento das mulleres que recibiron esta axuda non tiña fillos/as, o 32,9% tiña un único fillo/a, o 19,3% tiña dous, o 6,1% tiña 3, o 3,5 tiña 4 e un 0,4% tiña cinco menores ao seu cargo.

A maioría das beneficiarias está no rango de idade que vai dos 36-40 anos (un 18,9%), seguidas polas beneficiarias que teñen entre 31-35 anos (un 17,1%), as que están no rango entre os 41-45 anos (un 14,5%) e finalmente as mulleres que están entre os 26-30 anos, que foron un 13,2% do total das mulleres perceptoras desta renda.

No que se refire  á axuda económica de pagamento único, establecida no artigo 27 da Lei Orgánica 1/2004, para mulleres que sofren violencia de xénero, concedeuse en 2010 a 28 mulleres, 18 más que en 2009, por un total de 173.811 euros. Por provincias as axudas foron 18 na Coruña, 5 en Pontevedra, 3 en Lugo e 2 en Ourense.

Do programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas de violencia de xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes ao seu cargo, foron usuarias en 2010, 376 mulleres, 129 menores e 4 persoas dependentes. Estas cifras mostran un incremento considerable respecto ao 2009, no que se refire ás mulleres, 106 máis, e aos e as menores, 40 máis que no ano anterior.

O programa Abramos o Círculo, de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella e coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade, tivo en 2010 a 64 usuarios, 16 máis que en 2009; de feito 2010 foi o ano con maior número de usuarios dende que foi creado en 2001.

Outro dos servizos de apoio ás mulleres que a Xunta de Galicia pon a dispor das mulleres é o Teléfono da Muller, o 900 400 273, que no ano 2010 recibiu 3.797 chamadas, a maioría delas feitas por mulleres -o 91%- e dende o eido urbano – un 72%-. Ademais, o 47% desas chamadas fixéronse para solicitar asesoramento psicolóxico, e o 14%, para pedir asesoramento xurídico: estes dos tipos de información e asesoramento  son os que máis relacionados están coa violencia de xénero.