Mar Pereira: "Superar a fenda de xénero nos estudos, a investigación e os empregos do sector tecnolóxico non é so cuestión de equidade senón de progreso social"

A diferenza no uso de Internet en Galicia entre homes e mulleres é do 4,2%. As mulleres representan só o 32,5% dos titulados en Enxeñería Informática ou Telecomunicacións nas universidades galegas. Un 61,6% dos traballadores do sector TIC son homes fronte a un 38,4% de mulleres. Igualdade insta a desenvolver mecanismos que axuden a acabar coas barreiras que limitan a elección de estudos, tanto para mulleres como para homes.

  • Mar Pereira: "Superar a fenda de xénero nos estudos, a investigación e os empregos do sector tecnolóxico non é so cuestión de equidade senón de progreso social"
  • Mar Pereira: "Superar a fenda de xénero nos estudos, a investigación e os empregos do sector tecnolóxico non é so cuestión de equidade senón de progreso social"

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, fixo hoxe un chamamento "para superar a fenda de xénero nos estudos, a investigación e os empregos TIC, non só por razóns de equidade senón de desenvolvemento económico e social. A incorporación da muller á investigación, a docencia ou a xestión supón un progreso social".

A responsable de Modernización xunto coa secretaria xeral da Igualdade inauguraron esta mañá a Xornada "Construíndo un sector TIC en Igualdade", na que se analizou a situación da fenda dixital de xénero e se as súas posibles solucións.

Mar Pereira sinalou que a xornada representa "unha ocasión excelente para examinar o conxunto de factores que inflúen na participación das mulleres nos estudos e as carreiras profesionais TIC, para considerar os modelos existentes de representación feminina, comparar as medidas adoptadas para facer fronte a estes problemas e determinar que nos queda por facer no camiño da igualdade".

A fenda dixital de xénero é menor en Galicia que no Estado

Segundo datos proporcionados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), no ano 2010, en Galicia o 55,7% dos homes fixeron uso da Rede fronte ao 51,5% das mulleres, é dicir unha diferenza de 4,2 puntos porcentuais. Non obstante, a tendencia é positiva: no período 2009 – 2010 a diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres reduciuse en 3 puntos. No contexto estatal, a diferenza no uso de Rede entre homes e mulleres é maior que en Galicia: 5,7 puntos e na Unión Europea (UE27) a fenda de xénero na utilización de Internet chega aos 6 puntos.

A secretaria xeral indicou que a pesar de que as mulleres están a avanzar na Sociedade da Información como usuarias das TIC, isto non e reflicte significativamente no plano do emprego, os estudos e as profesións relacionadas coas TIC.

As cifras de homes e mulleres titulados en Enxeñaría en Informática ou Telecomunicacións nas Universidades Galegas no curso 2008-2009 confirman a hipótese da súa baixa representación, dado que as mulleres representan só o 32,5% do total de titulados nestes estudos mentres que representan un 62,1% no conxunto de persoas tituladas do Sistema Universitario Galego. No acceso ao mundo laboral, confírmase esta desigualdade. A 31 de decembro de 2010, un 61,6% dos traballadores do sector TIC eran homes fronte ao 38,4% que eran mulleres.

Mar Pereira sinalou que "a xornada é unha ocasión excelente para examinar o conxunto de factores que inflúen na participación das mulleres nos estudos e as carreiras profesionais TIC". Neste sentido sinalou que a igualdade que se está a constatar no uso das tecnoloxías das novas xeracións permitirá que se produza un cambio na perspectiva de escolla do itinerario profesional dos chamados "nativos dixitais".

As desigualdades de xénero na elección de estudos

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, destacou a transformación social que está xerando o sector TIC e advertiu dos riscos de que ese proceso non sexa integrador, xa que, como en moitos outros aspectos da participación social e laboral, "as mulleres non participan en igualdade de condicións nesa converxencia dixital e nese acceso á información e ás oportunidades", xa que "o xénero, cruzado coa ubicación nunha zona rural, crean un dos perfís de exclusión dixital máis claros".

A responsable de igualdade do goberno galego sinalou que "é preciso actuar para modificar a tendencia de exclusión ou de participación limitada das mulleres no desenvolvemento do sector TIC e na xeración e creación de ferramentas e contidos, xa que é un sector que ten un gran potencial, e promove un desenvolvemento de modelos laborais máis favorables á conciliación e á igualdade".

González lembrou que, aínda que hai pouca información sobre as barreiras existentes para a incorporación en igualdade das mulleres no sector TIC, parece que unha delas é "a desigualdade existente aínda no acceso ás carreiras técnicas por parte das mulleres, que parecen interesarse en maior número, ou ser orientadas cara a outras disciplinas do saber onde consideran que conseguirán un lugar máis facilmente".

Por iso, rematou a secretaria xeral, "temos que desenvolver mecanismos que permitan acabar coas barreiras que aínda limitan a elección de estudos, tanto para as mulleres como para os homes, coñecer con precisión cales son os factores que inciden nesa elección sesgada".